O PSOE de Pontevedra insta a Feijóo a botar ao alcalde de Vilanova se non dimite tras ser condenado

Gonzalo Durán vén de ser apercibido polos xulgados por "falta de respecto" á presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2021 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

O PSOE de Pontevedra esixiu ao líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que lle abra un expediente inmediato de expulsión ao alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, se este non dimite por vontade propia tras ser condenado polo Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra por un delito leve de falta de respecto por chamar "chacha para todo" á presidenta da Deputación, Carmela Silva.

O secretario provincial do PSOE de Pontevedra, David Regades, dirixiuse a Núñez Feijóo nun comunicado para esixirlle "tolerancia cero contra o machismo" por parte do PP e asegurou que Gonzalo Durán "non pode continuar ostentando a alcaldía de Vilanova baixo as siglas do PP nin un día máis". Para Regades, o presidente do PP galego ten que estar "á altura ética que esixe tan lamentables circunstancias" e "por pura hixiene democrática" reclamou que se bote do partido a Durán.

FALTA DE ARREPENTIMENTO

"Un alcalde que cae tan baixo non merece ter cabida nunha organización política comprometida no respecto ao Estado de Dereito", insistiu David Regades, polo que advertiu que, en caso de non proceder, "o PP demostrará unha conivencia culpable cun cargo público condenado por comentarios machistas co agravante da falta de arrepentimento, algo intolerable no debate político", engadiu.

Os feitos polos que Durán foi multado con 360 euros --e nos que se ratificou durante o xuízo-- remóntanse ao 6 de outubro de 2018 cando, nunha rolda de prensa, o alcalde arousán criticou á presidenta da Deputación de Pontevedra pola paralización das obras de ensanche da estrada de Baión. En concreto, afirmou que a administración provincial "é un órgano político gobernado polo Concello de Vigo, polo ancián Abel Caballero e a súa chacha para todo, que é Carmela Silva".

David Regades afirmou que "o dereito á liberdade de expresión é o suficientemente flexible para articularse nun debate político e no ámbito público pero Durán excedeu todos os límites". Nese sentido, emprazou aos populares a que, "fronte ao machista, o PSOE e o PP non poden ter rivalidade partidista", argumentando que se trata de "un cancro" que ambos os partidos teñen que "extirpar" porque a sociedade "non pode permitirse ese tipo de actitudes" que tachou de "rémora para calquera organización política moderna comprometida coa igualdade de dereitos e obrigacións".

Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova
Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova | Fonte: TVG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Máis que "chacha" deberamos preguntarnos como vive a Señora de Toralla ? https://flic.kr/p/fcf84J Hai 14 anos o PSOE local reivindicaba o acceso público á illa de Toralla, pero seica cambiaron de opinión !