Recuperan en Vigo os dous cans valorados en 16.000 euros roubados en Sanxenxo

Investigan a tres rapaces como presuntos autores dun delito de roubo.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 14/06/2021 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

A Garda Civil investigou penalmente a tres rapaces pola súa suposta implicación nun delito de roubo con forza en Sanxenxo ao apoderarse de dous cans da raza American Bully valorados en 16.000 euros que foron atopados en dous pisos de Vigo, onde residen os presuntos autores.

Segundo informou o Instituto Armado, as investigacións comezaron a finais do pasado mes de maio cando o propietario dun criadeiro de cans no municipio de Sanxenxo denunciou ante a Garda Civil que lle subtraeron dous cachorros de American Bully valorados nuns 16.000 euros.

A través da información facilitada polo denunciante púidose saber que, polo menos, un dos cans podía atoparse en Vigo e as sospeitas recaían sobre uns mozos que días antes ao roubo se interesaron pola compra dos cans, ao darse a circunstancia de que estes sabían que o día que se cometeu o roubo o dono do criadeiro estaba de viaxe.

As xestións realizadas por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo, coa colaboración das patrullas do Seprona de Vilagarcía e Pontevedra, concluíron coa recuperación dos dous cachorros en poder destes mozos que, ao ser localizados, non puideron acreditar a propiedade dos animais.

Os investigados son dous irmáns de 30 e 24 anos, veciños de Vigo, e a noiva dun deles, de 29 anos, que foron investigados penalmente como presuntos autores dun delito de roubo.

Ao non poder acreditar documentalmente a orixe dos cans, por parte do Seprona procedeuse "á toma de mostras de ADN dos dous cachorros e dos seus proxenitores para acreditar de maneira indubitada a súa orixe", sinalan as mesmas fontes.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución número 1 de Cambados, onde deberán comparecer os investigados cando sexan requiridos.

A Garda Civil recupera en Vigo dous cans que foran roubados en Sanxenxo (Pontevedra).. GARDA CIVIL
A Garda Civil recupera en Vigo dous cans que foran roubados en Sanxenxo (Pontevedra).. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta