Gonzalo Caballero reclama á Xunta que manteña todo o profesorado de reforzo da covid-19

O xefe de filas dos socialistas galegos reúnese en Madrid coa ministra de Educación, Isabel Celáa.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/06/2021 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu á Xunta compromiso coa educación pública e que manteña o próximo curso a todo o profesorado da covid-19. Así se pronunciou este mércores tras manter unha reunión de traballo coa ministra de Educación, Isabel Celaá, acompañado polos deputados no Congreso Guillermo Meijón e Olga Alonso.

A ministra de Educación, Isabel Celáa, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reúnense en Madrid
A ministra de Educación, Isabel Celáa, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reúnense en Madrid | Fonte: PSdeG.

Nese encontro abordaron os asuntos educativos como o profesorado, a dixitalización, os recursos dispoñibles, as bolsas ou a reforma da FP para enfrontar os retos de futuro tras a covid.

Ao termo, o líder do PSdeG puxo en valor que os socialistas son "firmes defensores da educación pública, que é fundamental para a marcha do país e para a reactivación social e económica".

Neste sentido, subliñou a aposta do Goberno de España, que "consignou máis de 4.000 millóns de euros do Plan de recuperación, transformación e resilencia para reforzar a equidade e a transformación dixital na educación e para modernizar a FP".

"O Goberno de España é unha garantía en defensa de educación e cremos que a Xunta ten que mostrar ese compromiso con feitos, e manter os contratos de todos os profesores que foron contratados no curso que agora remata", sinalou, co argumento de que o sistema segue necesitando toda esa capacidade.

"Que a Xunta se comprometa xa a que todos manteñan o seu contrato, porque Galicia necesita profesores e profesoras e non se pode recortar nisto", defendeu Gonzalo Caballero, para quen nunha crise como esta é "máis necesario aínda reforzar a educación pública".

"Non queremos retrocesos nin despedimentos", concluíu o máximo dirixente socialista, á vez que avanzou que así o reclamará o PSdeG no pleno do Parlamento de Galicia a próxima semana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta