Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/11/2013 | Actualizada ás 15:17
Menos títulos, con tiraxes máis reducidas e cun prezo máis alto. Así de desalentador é o panorama da edición en galego durante os últimos anos. Con todo, as editoras están conseguindo manter a facturación malia a crise. Son datos do último informe do Observatorio da Cultura Galega.
A edición en galego “tocou fondo” no ano 2012, con só 1.322 títulos editados, a cifra máis baixa dende o ano 2007 e moi lonxe dos 2.070 publicados en 2008.
Ano | Títulos editados en galego |
2007
|
1.472 |
2008 | 2.070 |
2009 | 1.823 |
2010 | 1.429 |
2011 | 1.430 |
2012 | 1.322 |
A edición en galego está moi por baixo da que se fai en catalán (9.326 títulos) e por primeira vez é superado polo éuscaro (1.810) en número de títulos. Aínda que o contexto xeral de caída é global para todas as linguas do Estado, “a lingua máis afectada é a galega”, salienta o Observartorio.
Porén, as empresas mantiveron a facturación previa. En Galicia aumenta lixeiramente en 2012 con respecto a 2011, tanto na facturación total como na facturación en galego, ao contrario do que acontece no conxunto de España, onde diminúe en 2012 un 10,9% con respecto ao ano anterior.
Outro dato salientable é que o prezo medio dos libros aumentou todos os anos e que as vendas de libros se incrementaron en 2012 nun 28,7% de exemplares, “polo que chama a atención que diminuíra un 10,9% a facturación” no conxunto do Estado, explica o informe.
O estudo tamén sinala que a destrución de emprego no mundo editorial é parella á do resto de sectores económicos de Galicia. O sector do libro xenera en Galicia uns 190 postos de traballo, pero en 2012 perdéronse un 18,6% de empregos (39 postos).
En Galicia editáronse no ano 2011 un total de 30.258 exemplares de libros, Isto dá unha tiraxe media de 1.137 exemplares por publicación, unha cifra en descenso pero non tan acusada coma no resto do Estado. En total, as editoras teñen na actualidade un catálogo vivo de libros de 13.292 publicacións, das cales 10.800 están en lingua galega.
Consulta o informe completo en pdf.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.