Por GC Tendencias | Pontevedra | 01/12/2013 | Actualizada ás 10:58
OINK! é un proxecto desenvolvido por un equipo de xente nova co obxectivo de ofrecerlles aos nenos e nenas contidos divertidos e dinámicos desde a óptica da mascota do club da Galega. O seu xeito particular de ver as cousas, a súa actitude crítica e o seu devezo por coñecer, son aptitudes do Xabarín que se queren transmitir con esta nova publicación. Nas páxinas desta publicación inclúense traballos de banda deseñada de autores de distintos estilos, reportaxes multidisciplinares, sobre arte, historia, ciencia, deportes ou actualidade, así como a programación das series do "Xabarín Club" na tvG2.
Os medios públicos galegos están a participar activamente esta fin de semana na sexta edición de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Neste marco, en que están presentes as iniciativas culturais do momento do sector da música, literatura, cine, televisión, teatro, danza, circo, maxia e novas tecnoloxías, presentarase este domingo amais Escola de Escritura con Xabarín, xogo dirixido a rapazada entre 3 e 6 anos, que non descoida a vertente didáctica ao tempo que se amosa dun xeito divertido e que conta tamén coa licenza da Televisión de Galicia.
Como vén sendo habitual en cada edición, a Televisión de Galicia está presente en Culturgal a través da instalación dun plató virtual Chroma-Key. Nel, os visitantes teñen a posibilidade de converterse, por un intre, en presentadores dun Telexornal e verse reflectidos nunha pantalla de gran formato e inmersos no decorado característico dun informativo da TVG. As gravacións realizadas ao longo da fin de semana poderán verse, nos vindeiros días, na páxina web da CRTVG, www.crtvg.es.
A Radio Galega dispuxo tamén este sábado dun set radiofónico en Culturgal desde onde realizou en directo o magazine “Somos Quen”. María Xosé Rodríguez acompañou aos oíntes máis madrugadores ata o mediodía. Ata este espazo da emisora pública galega achegáronse distintos protagonistas e abranguéronse os contidos máis destacados que tiveron lugar na feira da cultura galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.