A Xunta incorpora a dúas mulleres no consello para os proxectos que optan a fondos europeos

Toma a decisión tras a polémica creada por constituir un consello conformado só por homes e á espera de que se designe a unha directora xeral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2021 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

A Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia, creada pola Xunta no marco dos fondos europeos para a reconstrución fronte á crise, nomeará "en próximas datas" dúas novas integrantes no seu consello de administración: Amparo Alonso Betanzos e Rosa María Sánchez-Yebra, segundo informan fontes da Xunta.

Serán as dúas primeiras mulleres integrantes desta sociedade, cuxa constitución xerou críticas ao Goberno galego e ao PPdeG por parte da oposición, que censuraba un consello de administración conformado só por homes.

Tras a polémica, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, anunciou en sede parlamentaria que a directora xeral desta sociedade sería unha muller, pero o seu nomeamento aínda non se produciu.

Amparo Alonso Betanzos é catedrática da Universidade da Coruña (UDC) no departamento de Ciencias da Computación. Enxeñeira química pola Universidade de Santiago, está vinculada ao ámbito da intelixencia artificial. Ademais de investigar neste campo, é presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial e coordinadora do grupo de investigación LIDA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) da Facultade de Informática da UDC.

Pola súa banda, Rosa María Sánchez-Yebra é actualmente vicegobernadora do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa. En concreto, preside o comité de desenvolvemento sustentable, encargado, entre outras funcións, da análise dos indicadores de impacto social e ambiental da carteira de proxectos e do cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable e do Acordo de París do clima.

Dentro das súas responsabilidades estaban tamén as relacións do Consello de Europa coa UE. É o caso, por exemplo, da participación en programas europeos como os propios fondos 'Next Generation' e os 'Invest-EU'.

Entre 2014 e 2016 foi secretaria xeral do Tesouro e Política Financeira. Tamén formou parte de diferentes consellos de administración, como o Banco de España, o FROB e a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A SOCIEDADE

Segundo a Xunta, a Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia naceu "co obxectivo de contribuír á maduración das iniciativas da candidatura galega agrupadas en torno ao polo para a transformación de Galicia".

Pola súa banda, a oposición, ademais da primeira fotografía do seu consello de administración, na que só aparecían homes, considera que con ela, o Goberno galego cede a determinadas empresas afíns a elección e impulso destes proxectos.

Cun capital inicial de 5 millóns, dos que a Xunta achega un 40%, Abanca un 38%, Reganosa un 12% e Sogama un 10%, está, segundo a administración autonómica, "aberta á entrada de novos socios".

Edificio administrativo da Xunta de Galicia na Coruña
Edificio administrativo da Xunta de Galicia na Coruña | Fonte: Elisardojm - Wikimedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta