O software libre galego seguiu medrando a pesar da pandemia

Unha trintena de empresas do sector celebran ter rematado o primeiro ano da covid con resultados positivos e sen débedas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A nivel económico, a pandemia puxo en claro a debilidade da que adoece boa parte dos sistemas produtivos de Galicia e o resto do Estado. O cerne desa febleza estaba, claro, no turismo: actividade de baixo valor engadido e necesariamente presencial, circunstancia que á chegada das restricións púxollo moi difícil a moitos á hora de cadras as contas de cada mes.

Teclado dun ordenador
Teclado dun ordenador

En troques, o sector servizos de alto valor engadido segue medrando sen teito visible. Tal é o caso que se desprende da derradeira asemblea celebrada pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), plataforma que recolle á meirande parte de empresas dedicadas á produción deste software en Galicia e que vén de pechar o ano pandémico con resultado “positivo”. 

Así é que, segundo apuntan nun comunicado, a Agasol rematou o exercicio de 2020 sen débedas, circunstancia que, a ollos da propia plataforma, debe ser tida en conta como “aínda máis destacable” debido a esa conxuntura de dificultades que rematou por botar abaixo moitos negocios de diversos sectores. 

Á parte desta constatación, o encontro da asociación serviu para renovar boa parte da cúpula directiva e lanzar unha serie de perspectivas de futuro para esta asociación que recolle unha trintena de empresas, entre elas “grandes referentes dentro e fóra de Galicia e de España”. E é que, segundo apuntan na asociación, as empresas asociadas a Agasol “teñen negocio en 18 países de catro continentes”, nos que se contan mercados tan “consolidados” como EE. UU., Alemaña, Xapón, Corea do Sur ou Finlandia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta