Ana Pontón considera que o servizo de comedor escolar "é fundamental para a conciliación"

A portavoz nacional do BNG asegurou que a conciliación é unha "marca de goberno" nos concellos do BNG e reclamou ao Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo que se "garanta" este acceso a todo o alumnado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2021 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou que o servizo de comedor escolar alcance ao 100 por cen do alumnado galego, posto que se trata dun servizo "fundamental para a conciliación das familias".

Neste sentido, e durante unha visita ao comedor escolar do CEIP A Maía en Ames, advertiu de que concellos e Ampas xestionan un 25 por cento dos comedores para, dixo, "suplir a ausencia da Xunta", cuxa achega nestes casos "limítase a 0,65 euros por menú".

Pontón, que asegurou que a conciliación é unha "marca de goberno" nos concellos do BNG, reclamou ao Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo que se "garanta" este acceso a todo o alumnado e que se preste "por parte de persoal específico e buscando a calidade alimentaria dos escolares".

"Servizos como este novo comedor escolar (polo de Ames) son fundamentais para pais e nais, porque facilitan a conciliación laboral e familiar, que sempre é difícil, incluso unha carreira de obstáculos", remarcou a tamén deputada nacionalista, quen tamén sinalou que concellos e familias "ven obrigadas a dar un servizo que, por competencias, correspóndelle á Xunta", á que acusa de "ser incapaz de garantir un servizo universal".

CRITICA ACHEGA DA XUNTA

Ana Pontón advirte do "agravante" que supón que o Goberno de Feijóo "limite" a súa achega a 0,65 céntimos, sendo, no caso da Maía, de 0,55 nuns comedores que "suplen o baleiro e a desatención da Xunta".

Así as cousas, o BNG pide que "todo o alumnado teña acceso aos mesmos servizos por unha razón de igualdade e de xustiza". "Trátase de que todo o alumnado teña acceso a este servizo que, ademais, facilita a conciliación laboral e familiar de moitos pais e nais", recalcou Pontón.

A líder nacionalista felicitou ao goberno de Ames e o seu tenente de alcalde, David Santomil, por demostrar " que as políticas de conciliación son un sinal de identidade e marca do Goberno do BNG nos concellos".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, visita Ames e pide universalizar o servizo de comedor escolar para todo o alumnado. BNG
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, visita Ames e pide universalizar o servizo de comedor escolar para todo o alumnado. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta