O drama dos bancos de alimentos: "Agora hai nais con fillos, avós con netos e moito desempregado"

A pandemia fixo que se acentuara a poboación necesitada. A presidenta do BALRIAL, Concepción Rey, destaca que durante o confinamento tiveron picos de ata un 50% máis de xente. Pola súa banda o presidente de FEGABAN, Jose Pinta Chento, amosase máis optimista. Os dous valoran o comportamento dos galegos á hora de doar.

Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A crise da Covid-19 provocou que moita xente perdera o seu traballo e quedaran sen ingresos nun momento moi complicado. Ante isto, os bancos de alimentos viron como aumentaba a demanda de comida ao mesmo tempo que tiñan que modificar as súas rutinas de traballo para adaptarse á nova situación que demandaba á pandemia. “A forma de actuar era completamente distinta ao haber unha serie de protocolos tanto para a recepción como para o reparto de alimentos”, comenta o presidente da Federación Galega de Bancos de Alimentos (FEGABAN), José Pinta Chento.

Unha persoa voluntaria do Banco de Alimentos de Vigo recolle alimentos doados.. BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO
Unha persoa voluntaria do Banco de Alimentos de Vigo recolle alimentos doados.. BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO

Pola súa banda, Concepción Rey, que lidera o Banco de Alimentos Rías Altas (BALRIAL), destaca a gran cantidade de traballo que tiveron durante eses meses e tamén o aumento que experimentaron na demanda de alimentos. “Durante o confinamento tivemos picos de ata un 50% máis de xente e unha vez que terminou o confinamento estamos sobre un 30%”, indica Rey. Pola contra, Pinta Chento describe o aumento de persoas necesitadas como “notoria” e “preocupante”.

En canto á evolución da situación para os próximos meses, Rey ve o panorama complicado. “As nosas expectativas non son moi boas porque hai moita xente que segue en ERTE e non se sabe que pasará con eles. Hai moitos negocios que non van volver a abrir e polo tanto moito persoal que se queda na rúa”, explica a presidenta de BALRIAL. Pola contra, Pinta Chento móstrase máis optimista e espera que a situación pouco a pouco vaia mellorando.

CAMBIO NO PERFIL DA PERSOA DEMANDANTE

A pandemia tamén supuxo que tiveran que acudir aos bancos de alimentos novos perfís de persoas que anteriormente non adoitaban ir. Rey explica que notaron moito o aumento de mulleres con fillos, de xubilados que tiveron que acoller na casa aos fillos e netos que perderon o traballo ou incluso de traballadores aos que o soldo non lles dá para facer fronte a todos os gastos. “Moita xente cando falamos dos bancos de alimentos nos imaxinamos a xente que está pola rúa pedindo pero non. Pode ser o noso veciño, irmá... xente que ves cun aspecto normal e que está necesitada”, recalca Rey.

Pinta Chento engade que notaron moito o aumento de traballadores procedentes dos sectores máis prexudicados pola pandemia como pode ser o das orquestras, venda de recordos ou a hostalaría. De todas formas destaca que o perfil de persoa que acode aos bancos de alimentos están en constante cambio. “Parece que é un mal endémico, Vai cambiando o perfil pero sempre hai xente necesitada. Ese é o grave problema que temos”, explica o presidente de FEGABAN.

AUMENTO DA SOLIDARIDADE

O Banco de Alimentos Rías Altas tivo que modificar a súa tradicional Gran Recollida anual por un modelo no que a xente cando pasaba pola caixa no supermercado podía doar diñeiro. Rey comenta que ao principio non tiñan moitas expectativas en canto á recadación pero superáronse con creces as súas suposicións. “No 2019 recollemos uns 300.000 quilos e pensabamos co diñeiro recoller sobre 200.000 pero superamos os 400.000. Foi espectacular”, explica Rey.

A presidenta destaca a enorme solidariedade dos galegos ante os momentos máis delicados. "Eu sempre digo que a xente é espectacular como responde ante todas estas cousas. Temos moitísima sorte en iso. Nunca nos cansaremos de darlle as gracias”, comenta entusiasmada Rey.

Pinta Chento pola súa banda recalca que gracias aos donativos tanto das institucións como da xente en particular non deixaron en ningún momento de repartir alimentos. “Os galegos son moi solidarios. Durante a pandemia moita xente compraba nos supermercados e mandábanolo para o banco. Tamén fixeron aportacións económicas para invertelas en comida. Houbo moito donativo”, expón o presidente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta