A Xunta estende os tests obrigatorios para ir ás discotecas aos concellos en nivel medio

As probas poderán facerse ata un máximo de 72 horas antes da entrada no local.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2021 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

A necesidade de contar cunha proba negativa nun test de covid será obrigatoria para permanecer nos locais de lecer este venres máis aló das 00,00 horas nos municipios en nivel medio de incidencia. As probas serán accesibles para os mozos nos cribados xuvenís que xa está a realizar o Sergas nas poboacións de maior incidencia e que, de feito, están a ter unha participación moi baixa.

Ademais, calquera persoa que queira acceder ao lecer nocturno tamén pode acudir a unha farmacia para facerse o test en saliva e, segundo fontes do sector, tamén está exposta a posibilidade de realizar test de antíxenos. Todo con 72 horas antes como máximo.

O protocolo establecido é moi similar ao da proba piloto do lecer nocturno, na que si se esixía unha proba negativa para poder participar. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a semana pasada as normas para a reapertura do lecer nocturno nas que se contemplaba que os locais do lecer nocturno poderían ofrecer facer aos seus clientes test de antíxenos, pero non se impuxo como requisito. Con todo, agora ábrese como unha opción para o acceso.

Agora si o é, desde a medianoite do sábado (a noite do venres ao sábado), naqueles concellos nos que a incidencia está no nivel medio, o que incumbe este fin de semana ás cidades de Ourense e de Pontevedra.

Outra opción é contar cun certificado de pauta de vacinación completa, aínda que a estratexia de vacinación a estas alturas só alcanzou as dúas doses na poboación de maior idade, e a franxa de entre 40 e 50 atópase actualmente en proceso de ser inmunizada coas segundas doses. Tamén se pode presentar o certificado de recuperación por superar a enfermidade no período non máis aló de seis meses antes.

A Consellería de Sanidade informou de que o Sergas pon a disposición dos cidadáns estas probas diagnósticas nos cribados poboacionais en curso e nas farmacias galegas adheridas ao plan. Ademais, as mesmas fontes explicaron que se traballa na posibilidade de implantar esta medida sen cita previa nos puntos de autocovid, como se avanzou polas autoridades galegas este mércores que se faría, pero non está dispoñible aínda.

CONSENSO CO SECTOR

O requisito de presentar unha proba diagnóstica negativa ou un certificado de inmunidade permitiu reabrir o lecer nocturno nas cidades en nivel medio de incidencia, como no caso de Pontevedra, que tivo que ter as portas pechadas o primeiro fin de semana en que se permitía a estes locais a súa apertura ata as 3 da madrugada. De feito, estas probas só son requisito, segundo o anunciado, nos municipios co nivel medio de incidencia, deixando á marxe as localidades en situación medio baixa, que é o nivel de menos restricións actualmente vixente en Galicia.

O responsable de Galicia de Noite, Luís Diz, explicou a Europa Press que esta media, que xa se expuxo hai varias semanas, foi "acordada" co sector esta semana. Os propietarios dos locais de lecer nocturno están a favor desta media que supón ensinar un sms á entrada do local, á vez que se fai o rexistro.

"É unha moi boa solución", sostivo, apelando á "responsabilidade" dun sector que quere manter as medidas de seguridade e volverá facer un "esforzo" para que o lecer sexa "seguro". "Se non, non se acaba isto", mantivo Luís Diz, quen remarcou a oportunidade de establecer este tipo de medidas.

Unha moza na Sala Pelícano durante a realización dunha proba piloto da reapertura do lecer nocturno, a 12 de xuño de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press
Unha moza na Sala Pelícano durante a realización dunha proba piloto da reapertura do lecer nocturno, a 12 de xuño de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta