Por Galicia Confidencial | A Coruña | 25/12/2013 | Actualizada ás 18:00
O Xulgado de Primeira Instancia nº 1 de Betanzos ven de anular duas vendas de preferentes de Telefónica, no 2006, e Repsol, no 2009, por un valor de 6.000 euros cada unha, que lle foran comercializadas a un antigo empregado da súa oficina de Betanzos pola mesma oficina, xa xubilado o aforrador.
A sentenza condena ao BBVA a lle devolverlle 12.000 euros en total xunto cos seus xuros legais desde que contratou os produtos e máis as custas procesuais. Pola súa banda, o cliente terá que devolver os xuros percebidos durante a vida contractual e os produtos en plena propiedade ao Banco. A demanda fora interposta baixo a dirección letrada do avogado Xoán Antón Pérez-Lema.
A sentenza determina que a información do banco foi "defectuosa" por non explicar ben o risco de perda do capital e a perpetuidade dos produtos, como tampouco o risco de iliquidez dos produtos, xa que se lle transmitiu que os mesmos podían ser vendidos no mercado secundario sen problemas. "Velaí que considere que o erro sofrido é substancial e excusábel, xá que a condición de antigo empregado non lle familiarizaba cun produto novidoso e complexo como as participacións preferentes, que nunca comercializou durante a súa vida profesional, por se ocupar entón de labores de caixa", apunta o despacho do avogado Pérez-Lema.
O BBVA alegara a caducidade da venda das preferentes de Telefónica comercialiadas no 2006, por ter decorrido de máis o prazo de 4 anos dende a súa contratación, segundo o artigo 1301 do Código Civil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.