Un xulgado dá a razón ao Concello de Pontevedra e ratifica a clausura dunha vivenda turística

"Hai propietarios de vivendas que solicitaron axudas á rehabilitación para uso residencial e estanas usando para aluguer e uso turístico", sinala o concelleiro de Urbanismo.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 27/07/2021 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

O Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra ratificou a decisión do concello da capital por mor da clausura dunha vivenda de uso turístico situada no quinto piso dun edificio situado no centro da cidade.

Tras a denuncia dunha veciña e a consecuente investigación municipal, o Goberno local denegoulle a actividade. Ante o recurso da propietaria afectada, o ditame xudicial deu a razón á Administración local.

"No concello de Pontevedra as vivendas de uso turístico de momento non son un problema", sinalou o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, aínda que o Plan Xeral de Ordenación Municipal establece que este "uso terciario" en bloques de vivendas se permite "en planta baixa ou en primeira planta", mentres que a partir da primeira planta "só autorízase o uso residencial".

Moreda precisou que o concello non actúa de oficio nas autorizacións referidas a uso turístico, non así no caso das Áreas de Rehabilitación Integral. "Hai propietarios de vivendas que solicitaron axudas á rehabilitación para uso residencial e estanas usando para aluguer e uso turístico", sinalou o edil nacionalista. Nestes casos, o concello incoou expediente "para que o propietario devolva a axuda que solicitou".

Precisamente, aos propietarios de vivendas de uso turístico no centro histórico que solicitaron ese tipo de subvencións para a rehabilitación denegáronselles as peticións.

"A entidade que autoriza ou ten unha lista de vivendas de uso turístico é a Xunta, que xa coñece a posición do concello", precisou o concelleiro de Urbanismo de Pontevedra.

Nese sentido, o Goberno local insistiu en que o uso terciario está limitado a través do Plan aos baixos e primeiras plantas, polo que "é a Xunta a que ten que regularizar a súa lista de vivendas de uso turístico e quitar as que están nesa situación", concluíu Moreda.

Arquivo - Exterior da fachada do concello de Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Exterior da fachada do concello de Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta