Modelo Sogama: por que reciclar se a queima de lixo é un negocio millonario?

O modelo Sogama segue reinando en Galicia a pesar das denuncias ambientais, a queima sistemática de lixo e unha taxa de reciclaxe ínfima —as cifras da empresa nin sequera encaixan coas do Goberno central—. A continuidade explícase no negocio millonario da incineración, que mantén viva esta compañía formada por Naturgy e a propia Xunta.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

En 1996 o vertedoiro de Bens derrubouse e sepultou unha persoa. Nunca a atoparon. O suceso pasou á historia como unha mostra da mala xestión dos residuos que se viña desenvolvendo en Galicia, ateigada de escombreiras de dubidosa calidade ambiental. Anos antes do suceso, a Xunta de Fraga tentou poñer freo a esa bomba de reloxería cun plan para centralizar os residuos da comunidade nun só punto. Así naceu Sogama.

Complexo Ambiental de Cerceda
Complexo Ambiental de Cerceda | Fonte: Sogama.

O punto en cuestión rematou en Cerceda. Alí se erixe hoxe a mastodóntica planta de Morzós, onde vai parar a maior parte do lixo dos fogares galegos. A piques de cumprir tres décadas, a Xunta continúa a impulsar esta compañía público-privada con Naturgy a pesar das críticas ecoloxistas, das dúbidas manifestadas polo seu propio presidente --recoñece que en reciclaxe van “regular”-- e dunhas cifras de reciclaxe que non cadran cos datos do Goberno central.

A pesar de que as autoridades fan fincapé na importancia de separar o lixo en bolsas, Sogama tan só recicla o 15% dos residuos que recibe. Iso se atendemos aos datos que deixa escapar a empresa, xa que o Ministerio para la Transición Ecológica opina distinto. No último informe sobre xestión de restos urbanos, do 2018, o Goberno central cifra no 4’89% a porcentaxe de refugallos que pasa a unha nova vida; moi por debaixo das contas de Sogama. 

O informe do MITECO detalla que, das máis de 600.000 toneladas recibidas polo complexo cercedense, tan só 30.000 chegaron á planta de reciclaxe. Por contra, a ficha ofrecida por Sogama, máis breve, non especifica a metodoloxía empregada para chegar a eses datos. Galicia Confidencial contactou coa compañía público-privada para coñecer o proceso de elaboración dese estudo, pero non recibiu resposta.

En calquera caso, as cifras que penden sobre as naves de Cerceda son reducidas en comparación con outras instalacións en España e mesmo a nivel galego. O Complexo Medioambiental de Lousame, por exemplo, chegou a reciclar o 26% dos residuos en 2018, segundo o mesmo informe do MITECO. As carencias de Sogama son tales que, a ollos do sector ecoloxista, o complexo foi parcialmente responsable de que España incumprira a regulación da UE sobre reciclaxe, arrastrando os resultados globais do Estado a nivel europeo.

Sogama. EUROPA PRESS - Arquivo
Sogama. EUROPA PRESS - Arquivo

O NEGOCIO DE QUEIMAR

Pero, por que as cifras de reciclaxe no complexo de Morzós son tan baixas? Posiblemente porque Sogama nunca estivo pensada para ser unha estación onde os residuos recibiran un tratamento de futuro. A compañía está participada nun 51% pola Xunta de Galicia e un 49% por Naturgy, a antiga Fenosa. A comezos dos 90, cando Cerceda se perfilaba xa como destino de Sogama, a eléctrica levaba dez anos queimando carbón na defunta central de Meirama. A Xunta quixo aproveitar o asentamento e teceu unha alianza estratéxica coa compañía, que pasou a trocar no “socio tecnolóxico” da administración para prover este servizo. 

O obxectivo pasaba por queimar o lixo de toda Galicia, e así se fixo. Aínda que nos comezos se chegou a ponderar a posibilidade de instalar unha “minicentral eléctrica” no lugar, os cercedenses tiveron que conformarse coa planta incineradora que hoxe adorna o complexo de Morzós. A cheminea de Cerceda recibe a maior parte do lixo que chega das cidades galegas —o 85% en 2018, segundo o MITECO—, un sistema que non interesa cambiar porque xera millóns de euros.

Sogama emprega o fume resultante da queima de refugallos para producir electricidade, un lucrativo negocio que mantén en números verdes as contas da empresa. Un informe de contas de 2019 cifra en case 24 millóns de euros os ingresos derivados da venda destes Kw, que nese mesmo ano chegaron a superar os 350 millóns. Sen o pulo extra da electricidade, Sogama tería quedado a deber no exercicio económico de 2018, ao ter gastos de 91 millóns de euros fronte os 112 que resultaron ingresando —serían tan só 89 sen estes Kw que rematan na rede eléctrica—.

3.000 TROITAS MORTAS

O outro gran destino dos refugallos de Sogama está no vertedoiro da Areosa, un punto “controlado” de vertido, segundo a compañía, pero que acumula múltiples denuncias veciñais e ecoloxistas pola chegada de elementos tóxicos ao veciño río Lengüelle, afluente do Tambre; caudal do que bebe a comarca de Santiago de Compostela. 

O Lengüelle foi, precisamente, vítima e protagonista do maior escándalo de cantos estalaron

na planta de Sogama. No ano 2000, a compañía pediu autorización á Xunta para comezar a verter lixiviados —auga contaminada do vertedoiro— no curso fluvial. Un ano despois, comezaron a xurdir denuncias pola aparición de troitas mortas no río. O entón conselleiro Carlos del Álamo (PP) desestimou as acusacións, chegando mesmo a suxerir veladamente que alguén depositara detritos na contorna para culpar á empresa.

A mentira estalou por 2008. Ese ano, o Lengüelle amenceu con 3.000 cadáveres de troitas na superficie. O achado levou ao Seprona ata un conduto de formigón polo que se vertían augas con substancias altamente contaminantes ao manancial do río Areosa, que á súa vez desembocaba no Lengüelle. O informe da Facultade de Farmacia da USC concluíu que se trataba dun “vertido continuado”, e non dun caso puntual. 

Pouco despois coñeceuse que tanto a Xunta como Sogama eran coñecedores directos da

contaminación do río pero decidiron permitila durante meses, tal e como publicou La Opinión no seu momento. Sogama despediu os responsables de control das augas acusándoos de manipular as análises dende 2003 —repetían os estudos ata que acadaban niveis normais, segundo se apuntou—. Logo resultaron readmitidos por orde xudicial ao tratarse dun cese improcedente. Un deles, Pedro Alcázar Arévalo, seguía exercendo o pasado mes de febreiro como Xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medioambiente.

UN EX DE ENCE NA DIRECCIÓN

21 anos despois de ser inaugurado, o complexo ambiental de Morzós segue avanzando con escasa perspectiva de cambio ou fin. A compañía insiste, á par da Xunta, no seu compromiso co medio ambiente e a reciclaxe; pero a silueta do plan de Fraga segue facendo sombra, e ambas entidades saben que, sen os kilowattios, Sogama sería un peso morto nas contas da administración autonómica.

Nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia, en 2018, o presidente da sociedade, Javier Domínguez, asegurou que os ingresos de Sogama --21 millóns nas últimas contas publicadas--, quedaban na empresa. “Non estamos a repartir dividendos”, sostivo entón, en clara alusión á compañía privada coa que a Xunta segue a traballar. Con todo, e segundo datos da propia compañía, Sogama conta con cinco directivos procedentes de Naturgy no seu consello de administración, no que reciben 167’65€ por sesión. O presidente da compañía conta cun salario anual bruto de 78.385’32€, e o director xeral 68.412’12€. Este último cargo está ocupado por Isidro García Téllez, ex director de relacións institucionais de Ence colocado pola Xunta de Feijóo. En Sogama, os billetes entran en bolsas de lixo, e entre fume e fume, rematan limpos.  

Vertedoiro da Areosa
Vertedoiro da Areosa | Fonte: Leandro del Río - Salvemos a Comarca de Ordes
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lad

É o produto da democracia feijoniana:eucaliptos, incineración e celulosa, todo un canto ao medio ambiente.
579757bca32eb3ebd0c219ad2a6a" data-revive-seccion="medioambiente" >