O sector local galego ocupa a peor posición en todo o Estado en execución orzamentaria

É tamén o de menor endebedamento financeiro por habitante e o segundo que máis rápido amortizaría esa débeda, por detrás do canario.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/07/2021 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

O sector local de Galicia, no seu conxunto, é o que peor execución do orzamento de ingresos presenta e o mesmo ocorre co de gastos, segundo recolle o informe de fiscalización da conta xeral das entidades locais de Galicia correspondente ao exercicio de 2019.

Diñeiro
Diñeiro | Fonte: Europa Press.

Este estudo, un dos publicados este venres polo órgano fiscalizador, recolle tamén que o sector local galego é o cuarto mellor no grao de cobro dos dereitos liquidados, o sétimo no grao de autonomía e na dependencia de subvencións, áchase nas últimas posicións en período medio de cobro e autonomía fiscal (12 de 15) e é o que en porcentaxe recibe maiores recursos dos tributos do estado e da comunidade autónoma.

Así mesmo, é o segundo mellor na realización do pago das obrigas recoñecidas, o que máis recursos dedica ao esforzo investidor, o que implica que é dos que menos recursos destina ao gasto de persoal, e o que menor ten que dedicar ao servizo financeiro da débeda.

Así as cousas, as entidades locais galegas presentan un índice medio de execución do orzamento de ingresos do 70,64%, o que indica, apunta o documento, "escasa capacidade".

"Son as deputacións as entidades que presentan o peor valor (51,89%) e os concellos de menos de 5.000 habitantes o mellor (81,19%)", sinala.

A dependencia das subvencións, segundo establece, é "máis ou menos do 17,6%", e as sete grandes cidades e as deputacións son as que en proporción ao total de ingresos menos axudas reciben (8,71% e 6,1%, respectivamente). Estes valores ascenden ata o 43,14% dos concellos de menor tamaño e ao 24,48% nos de entre 5.001 e 10.000 habitantes

Mentres, as entidades locais presentan un índice medio de execución do orzamento de gastos do 69,43%, o que, igualmente, reflicte "escasa execución do orzamento respecto da planificación orzamentaria", sinala Contas.

INDICADORES FINANCEIROS

En canto aos indicadores financeiros, o informe sostén que o endebedamento por habitante sitúase entre os 174,37 euros dos concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes e os 36,20 euros das deputacións.

Significa que o 14,46% dos recursos correntes das entidades locais galegas proceden desa fonte de financiamento. O número de anos teóricos necesarios para amortizar esta débeda financeira é de 0,8, baixo o suposto de que se manteña o nivel de aforro bruto deste exercicio.

Once concellos (A Bola, A Pobra de Trives, A Pobra do Brollón, Camariñas, Cambados, Carnota, Carral, Catoira, Cuntis, Vedra e Verín), e tres mancomunidades (Comarca de Ourense, Comarca do Carballiño e Concellos Serra do Barbanza) atópanse nunha situación financeira "comprometida" ao presentar cifras negativas tanto do remanente de tesouraría como do aforro neto do exercicio, o que, avisa o Consello de Contas, "pode afectar á sustentabilidade dos seus gastos correntes".

En calquera caso, agrega que, comparado cos valores que presentan os sectores locais do resto de comunidades autónomas, o sector local de Galicia é o de menor endebedamento financeiro por habitante, e o segundo que máis rápido amortizaría esa débeda de manterse o actual nivel de aforro bruto, por detrás do canario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta