Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 18:54
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamou á Xunta "unha solución inmediata de aloxamento" para os "centos" de peregrinos que asegurou que "non teñen onde pasar a noite" pola redución de aforamentos dos albergues, a consecuencia das medidas para loitar contra a propagación do coronavirus.
A deputada presentou unha batería de iniciativas nas que alerta de que os peregrinos se están atopando "serios problemas" para atopar praza nos albergues. "Moitos mesmo piden durmir no chan ante a desesperación", asegura, despois de que "durante toda a semana pasada moitos albergues colgaron o cartel de completo".
A deputada socialista asegura que a falta de prazas nos albergues está a crear "malestar e queixas por parte destes turistas" e alerta de que ofrece unha imaxe "que non é boa nin para o turismo, nin para o ano Xacobeo, nin para Galicia".
Os aforamentos dos albergues dependen do nivel de restricións de cada municipio. Para Leticia Gallego, o Goberno autonómico debería ter algunha alternativa ante unha situación que "era bastante previsible estando nunha pandemia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.