O BNG propón declarar o litoral galego como espazo "non apto" para a eólica mariña

A formación nacionalista considera que a implantación de eólicos é "incompatible" coa actividade pesqueira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2021 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O BNG remitiu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico un documento no que propón declarar o litoral galego como espazo "non apto" para a instalación de parque eólicos mariños.

Este escrito prodúcese como reacción á consulta pública, por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, sobre a avaliación ambiental dos chamados Plans de Ordenación do Espazo Marítimo(POEM), cos que se pretende regular a instalación destes parques na costa de Galicia.

Segundo explicou a formación nacionalista nun comunicado, a implantación dos devanditos parques é "incompatible" coa actividade pesqueira, un sector que é "chave" desde o punto de vista económico e ambiental. Neste sentido, a portavoz parlamentaria de Pesca do BNG, Rosana Pérez, destacou que a pesca produce beneficios para toda a Comunidade Galega e "non só para catro grandes empresas", ademais de xerar emprego "tanto directo como indirecto".

DEMANDAS Á XUNTA

A este respecto, o BNG esixe ao Goberno galego que "exerza as súas competencias" e "encabece" a defensa do sector pesqueiro e mariñeiro co fin de que as "grandes eléctricas" non "acaben con todo".

Ademais, no documento de observacións remitido ao Ministerio de Transición Ecolóxica, a formación nacionalista tamén fai referencia ao "perigo" da maior concentración do tráfico marítimo comercial que se produciría coa instalación dos parques, cunha afectación ao marisqueo "tanto a pé como á boia". Igualmente, o BNG destacou as competencias galegas sobre toda a súa costa, na que calquera instalación mariña require da autorización por parte da Xunta de Galicia.

Parque eólico mariño / Acciona - Europa Press. / Europa Press
Parque eólico mariño / Acciona - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta