Ames xa ten as súas voces do verán

Noelia Bellas, Lara López e Carmen Cuevas foron as gañadoras do concurso Canta con Ames.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2021 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O Concello de Ames xa ten as súas tres voces do verán, despois de catro intensas fases do concurso Canta con Ames. Elas son Noelia Bellas, de Bugallido, Lara López, de Negreira, e Carmen Cuevas, do Milladoiro. As tres mulleres foron as gañadoras do certame, nas categorías sénior, xuvenial e infantil, respectivamente. 

Carmen Cuevas, gañadora da categoría infantil do certame Canta con Ames
Carmen Cuevas, gañadora da categoría infantil do certame Canta con Ames | Fonte: Concello de Ames

Ante un público formado por preto de 300 persoas, as vencedoras puideron demostrar o seu talento e as súas voces, que o xurado, formado por Inés Suárez, María Eva Sebe García e Diego Morereiras, consideraron meritorias do galardón. 

Todos os participante levaron como agasallo un trofeo, unha cesta natural de froitas e un vídeo do seu paso polo concurso, e a maiores, ás gañadoras, entregóuselles un cheque de 100 euros para gastar no comercio local. Pero as voces de Noelia, Lara e Carmen poderán volver a escoitarse o vindeiro 3 de setembro, actuando xunto coa París de Noia no Milladoiro, e tamén terán a oportundiade de cantar nas prebadaladas de fin de ano. 

O acto estivo conducido pola actriz, presentadora e veciña de Ames, María Mera e nesta final tamén estiveron presentes o alcalde do Concello, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz. O certame rematou cunha actuación de Sofía Rial, veciña de Ortoño e gañadora do concurso Recantos do Luar. 

Canta con Ames é unha iniciativa organizada pola Concellaría de Promoción Económica, que, como recalcou o alcalde, espera ter máis edicións: "Vémonos o ano que vén. Dende o Concello apostamos por unha cultura segura e seguiremos facendo actos adaptados ás medidas hixiénico-sanitarias". Tanto Blas García como Ana Paz agradeceron a participación dos veciños, asociación colaboradoras e demais persoal que fixo posible este concurso tan especial e cheo de música. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta