Comeza a baixar tamén a presión hospitalaria da quinta onda

Os casos activos redúcense a 16.106 e a taxa de positividae cae a un 10,7%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2021 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

Os novos contaxios de Covid-19 seguen en descenso en Galicia e sitúanse en 722 ao chegar ao ecuador desta segunda semana de agosto; así como os hospitalizados por este coronavirus, que baixan a 328, o que supón 17 menos que a xornada anterior. Polo seu lado, os casos activos redúcense a 16.106 e a taxa de positividade cae a un 10,7%.

Segundo os datos actualizados pola Consellería de Sanidade este mércores con rexistros de ata as 18,00 horas do martes, recollidos por Europa Press, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI baixan a 53 --unha menos-- e as hospitalizadas noutras unidades descende a 275 --16 menos--. Pola súa banda, 15.778 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en catro das sete --A Coruña-Cee, Vigo, Lugo e Pontevedra-O Salnés--; mantense nas de Ourense e Ferrol; e aumenta lixeiramente na de Santiago e Barbanza.

En concreto, na da Coruña e Cee aínda que soben a 17 os pacientes Covid en UCI, descenden a 75 os que permanecen noutras unidades --seis menos--; mentres que na de Vigo seguen seis en críticos e baixan a 50 os doutras unidades --nove menos--.

Na de Pontevedra e O Salnés caen a seis os pacientes en UCI --dous menos-- e a 25 os doutras unidades --tres menos--; e na de Lugo, aínda que ascenden a oito o críticos --un máis--, baixan a 37 os doutras unidades --dous menos--.

Mentres, na de Ourense seguen catro pacientes Covid en UCI e 33 noutras unidades; e na área de Ferrol continúan oito en críticos e 21 noutras unidades. E na de Santiago e Barbanza aínda que descenden a catro os pacientes Covid ingresados en UCI --un menos--, aumentan a 34 os que se atopan hospitalizados noutras unidades --catro máis--.

CASOS ACTIVOS EN DESCENSO

Por sexta xornada consecutiva os casos activos manteñen a tendencia descendente e sitúanse en 16.106, que implican 365 menos que o día anterior, ao haber de novo máis altas (1.082), que contaxios (722), ao que se engaden cinco falecementos. Con respecto a hai unha semana, Galicia conta con 2.516 casos activos de Covid-19 menos que os 18.622 rexistrados o pasado mércores 4 de agosto.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden en todas salvo na de Ferrol (+13): Pontevedra e O Salnés (-122), Lugo (-76), Vigo (-59), Ourense (-58), Santiago e Barbanza (-43) e A Coruña e Cee (-20). Deste xeito, a área da Coruña e Cee mantense á cabeza con máis infeccións activas, con 4.579; seguida da de Vigo, con 3.967; Pontevedra e O Salnés, con 1.907; Lugo, con 1.758; Santiago e Barbanza, con 1.710; Ourense, con 1.176; e á cola mantense a de Ferrol, que volve superar o milleiro, con 1.009.

MENOS CONTAXIOS

Os novos contaxios de Covid-19 continúan por terceira xornada consecutiva por baixo do milleiro --cifra da que Galicia baixou o luns 2 de agosto por primeira vez desde o 20 de xullo, pero que superaba desde o mércores 4 de novo-- e caen a 722, que supoñen 59 menos que os 781 deste martes tras arrincar esta semana con 811.

No conxunto de Galicia foron confirmados 725 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), 65 menos que o día anterior, dos cales 210 corresponden á área da Coruña e Cee; 203, á de Vigo; 105, á de Santiago e Barbanza; 68, á de Lugo; 51, á de Pontevedra e O Salnés; 47, á de Ferrol; e 41, á de Ourense.

En canto á taxa de positividade das PCR, baixa a un 10,7 por cento, tras descender a un 12,69% este martes despois de iniciar esta semana cun 13,9%. Deste xeito, Galicia segue por encima dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia.

Unha terraza de Vigo, a 26 de xuño de 2021 / Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press. / Europa Press
Unha terraza de Vigo, a 26 de xuño de 2021 / Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta