RIR, un festival de curtas de humor que se consolida en Allariz

O evento, que chega ás súa cuarta edición, celebrarase entre os días 8 e 11 de setembro. Ademais de curtametraxes nas que o humor é o protagonista, haberá actividades parelelas para os máis pequenos, música, teatro de rúa e obradoiros.

Por X.M. Fernández | Allariz | 15/08/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Zinemusik e Escena Sonora coa colaboración do Concello de Allariz e a Deputación de Ourense, organizan o Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia, un evento no que os espectadores poderán gozar da proxección dunha selección de curtas de humor procedentes de diferentes países, así como doutras actividades paralelas que incluirán espectáculos infantís, teatro de rúa, música e obradoiros.

Presentación do Festival RIR 2021. Foto: Prensa Concello de Allariz
Presentación do Festival RIR 2021. Foto: Prensa Concello de Allariz

Sheyla Fariña, Guillermo Carbajo e Norma Ruíz serán os encargados principais de valorar as curtas a concurso pero o público tamén participará como xurado, sendo responsable mediante votación de escoller outro dos gañadores.

Nesta edición, o premio especial RiR Contigo será, a criterio da organización, para Xosé Antonio Touriñán. O actor e humorista galego recollerá o galardón en Allariz a unha traxectoria cómica envexable. "Atópase nun momento espectacular a nivel profesional e conta cunha proxección digna de admirar. Ten dúas series en en antena, un programa na 2 e está a arrasar coa película Cuñados", din os responsables do RIR.

Entre as novidades desta edición sinalar que haberá novas localizacións para algunhas das actividades, como pode ser a inclusión do salón de actos do albergue de Allariz, así como unha das salas do Hotel Oca Vila de Allariz, dado que pola boa acollida do evento, desta forma poderá terse unha maior capacidade de acollida de espectadores. O que se pretende é seguir ampliando os espazos nos que se realiza o Festival RiR para así poder impregnar coa súa esencia toda a vila.

Como en cada edición faise unha pequena retrospectiva na Fundación Vicente Risco, onde se poderán ver as obras do gordo e o fraco. Dedícase a unha personaxe do mundo da comedia que sentou precedentes.

ACTIVIDADES PARALELAS

Ademais do concurso das 43 curtametraxes que se proxectarán na Casa da Cultura de Allariz, onde haberá estreas a nivel mundial e nacional, realizaranse outras actividades: espectáculos infantís, concertos de música, mesas redondas ou podcasts. 

Durante toda a semana do festival haberá unha exposición permanente de David Calviño na Paneira. David é o deseñador do cartel desta edición e das dúas anteriores, ten tamén un selo que se chama PixelArt. Trátase de debuxos levados ao pixel en clave de comedia. As  actividades realizaranse de forma paralela ás proxeccións, enriquecendo desta forma á propia existencia do festival.

UN FESTIVAL QUE DINAMIZA ALLARIZ E BUSCA A CONSOLIDACIÓN

Cristina Cid, alcaldesa do Concello de Allariz, sinalou na presentación oficial do Festival RiR que este evento "pretende achegar a cultura dunha forma amena, especialmente nestes tempos complicados. Con esta, e outras iniciativas levadas a cabo durante o mes de setembro, o que se pretende tamén e conseguir alongar a tempada turística despois dos mes de xullo e agosto, tendo isto tamén un impacto positivo tanto no sector comercial coma no hostaleiro". Luz Doporto, en representación da Deputación Provincial, sinalaba tamén como está a consolidarse o Festival RiR como algo propio de Allariz, que logrará superar, como fixo na edición pasada esta situación. Alberto Conde, concelleiro de cultura, apuntaba que grazas o excelente traballo por parte da organización, a programación que se presenta cada ano consegue sorprender en cada nova edición.

Óscar Doviso, director do festival, e José Freiría, subdirector do festival, salientaron na presentación o elevado compromiso por parte da Concellería de Cultura, e máis concretamente dos técnicos de Cultura do Concello de Allariz, e agradecían tamén o apoio do Concello de Allariz e Deputación. Ambos explicaron que o evento podería celebrarse noutros sitios, pero que escolleron Allariz pola súa xente, os seus visitantes e a súa beleza. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta