Piden sinaturas masivas para frear o parque eólico Meirama e o proxecto hidroeléctrico do lago das Encrobas

A plataforma SOS Encrobas pon disposición pública documentos modelo para poder presentar no rexistro da Xunta e amosar a rotunda oposición a estes plans.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

A plataforma SOS Encrobas, apoiada polos avogados da asociación de Bergantiños Petón do Lobo e pola Asociación Salvemos a Comarca de Ordes, lanzan un chamamento a toda a poboación, tanto dos Concellos de Cerceda, Ordes e Carral como de toda Galicia para que se mobilicen en contra do Parque Eólico Meirama e do proxecto de aproveitamento hidroeléctrico do Lago das Encrobas.

Lago das Encrobas - La Voz de Galicia
Lago das Encrobas - La Voz de Galicia

Desde a organización consideran que tanto un proxecto como o outro son "un exemplo máis do continuo espolio ao que as empresas eléctricas, nunca saciadas, queres someter a este país, para beneficio propio e en detrimento da veciñanza". Advirte que, de saír adiante o Parque Eólico de Meirama proxectado, deixaría ás aldeas da zona "totalmente rodeadas de muiños xigantes". Os núcleos que se verían afectados de forma directa son: Croeda, Morzós, A Enfesta, Poloio, A Lousa, Casa Cancela, Poboado do Piñeiro, Rego da Iña e Virís no Concello de Cerceda; A Cabra e Pousada no Concello de Carral e A Brea, Casas de Orellán, Casas das Raposeiras, Vilasenín, A Espiñeira e Porta de Nó no Concello de Ordes. 

Así mesmo, tamén chaman a toda a poboación a alegar contra o proxecto de aproveitamento hidroeléctrico privado do lago das Encrobas. Consieran que non é de recibo que se pretenda privatizar de novo a zona e un ben público como a auga. "Non queremos máis industrias irresponsables, queremos que se recupere naturalmente toda a zona e que se lle devolvan as terras ao pobo para un aproveitamento sustentable e respectuoso", indica SOS Encrobas.

O prazo para presentar alegacións está aberto ata o 7 de setembro para o parque eólico Meirama e ata o 20 de agosto para o lago das Encrobas. A organización pon a disposición pública un documento modelo de alegacións que calquera persoa pode presentar nun rexistro da Administración pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta