Por Galicia Confidencial | Ribeira | 09/01/2014 | Actualizada ás 12:13
A asociación ecoloxista Verdegaia amosou o seu "estupor" polo nomeamento do ex alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer, como presidente da Xunta Consultiva do Parque Natural de Corrubedo.
Nun comunicado, considera que este político do PPdeG "non é a persoa adecuada" para este cargo, por "carecer de recoñecido prestixio científico ou técnico" no ámbito da conservación da natureza. Ademais, lembra que durante a súa traxectoria política levou a cabo actuacións que "comprometeron gravemente o ambiente e o medio natural".
O nomeamento de Torres colomer coñeceuse nunha reunión da Xunta consultiva do Parque Natural de Corrubedo que se celebrou o pasado 16 de decembro, logo de 5 anos que non se convocaba, a pesares de que a Administración do Parque debería renderlle contas á Xunta Consultiva cada ano. "As reiteradas solicitudes, por parte de distintos grupos ecoloxistas, de que fose convocada, non foron escoitadas durante estes cinco anos", lembra esta entidade. Este abandono deu lugar, incluso, ao envío dunha queixa formal ao Valedor do Pobo.
Na reunión, ademais de expoñer a memoria de actuacións e iniciativas desenvolvidas no parque durante o período 2009-2013, presentouse o seu novo presidente, Torres Colomer. "Ao parecer, o nomeamento produciuse hai xa uns meses, pero lles non fora comunicado ao resto dos membros", engade.
Por iso, Verdegaia amosou a súa sorpresa e o seu malestar por este nomeamento. "Non entendemos cal é o criterio seguido para o mesmo", asegura ao lembra que o decreto 139/1992, do 5 de xuño, polo que se declara Parque natural o complexo dunar de Corrubedo, di, que será
"unha persoa de recoñecido prestixio científico ou técnico no ámbito da conservación da natureza e coñecedor do territorio afectado polo parque".
"Consideramos que o señor Torres Colomer non ten nin unha formación nin unha traxectoria que garde relación algunha coa defensa da natureza. Non abonda con mandar plantar unha ducia de árbores cada ano na xornada do Día da Árbore para ser un defensor da natureza. Cómpre algo máis", destaca.
Por outra banda, lembra que na súa traxectoria política fixo gala en moitas ocasións de actitudes contrarias a esa defensa. Lembra, así, a permisividade do Concello de Ribeira durante o seu mandato para cos vertidos das empresas do polígono directamente á rede de sumidoiros, ademais de contribuír á degradación da ría de Arousa.
Tamén suliña que, durante o seu mandato na alcaldía, Torres Colomer "situouse do lado dos intereses urbanísticos", permitindo que se incumpriran as condicións establecidas pola normativa do Parque, e poñendo condicións favorables á edificación, "mesmo ás veces contradicindo os informes negativos dos técnicos da Xunta".
Desde Verdegaia pensamos que este nomeamento dá unha idea da importancia que desde o goberno da Xunta se lle dá á defensa dos valores medioambientais: ningunha. O Parque de Corrubedo pasa do estado de absoluto desleixo no que se viu durante os últimos anos a outro que só podemos cualificar como de “raposo-coidando-das-galiñas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.