O peche das oficinas bancarias, unha "última estocada" ao rural

Zas é a última localidade que vén de sumarse ao desmantelamento das redes de oficinas de Abanca. Os rexedores de Vimianzo, Zas e A Baña anuncian mobilizacións.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Costa da Morte revélase contra o desmantelamento da rede de oficinas de Abanca que vén sufrindo o conxunto do rural galego nos últimos anos. José Antonio Pereira, alcalde da Baña; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; e Manuel Muíño, alcalde de Zas, anunciaron este venres que actuarán de forma conxunta para evitar o peche de oficinas que Abanca ten previsto facer nos tres municipios o vindeiro mes de setembro e que afecta directamente dez mil persoas destes concellos e doutros limítrofes.

Concentración diante da sucursal de Abanca en Baíñas
Concentración diante da sucursal de Abanca en Baíñas | Fonte: Que pasa na costa

“Imos esgotar todas as posibilidades na nosa man para lograr que reconsideren esta decisión. As medidas inclúen mobilizacións e estudar se podemos emprenderse accións legais”, subliñou Manuel Muíño, que actuou como voceiro na rolda de prensa que os tres rexedores ofreceron este mediodía en Zas.


A falta de concretar as datas nas que se levarán a cabo, Muíño expuso cales son as accións que consensuaron os tres concellos afectados polos peches. A primeira, sinalou, é unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións”, posto que os tres rexedores cren que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de ti a ti” coa entidade financeira. Ademais, subliñou, “Feijóo é o presidente de todos os galegos, polo que debe atender a petición de defender aos nosos veciños, e ten unha responsabilidade moral dado que o Estado saneou a banca dándolle máis de 7.000 millóns de euros de todos os cidadán.

MÁIS CRÍTICAS

Tamén dende a Federación de Asociacións en Defensa da Costa da Morte, cualifican estes peches como "outra sangría lenta pero imparable" que cae sobre as súas localidades, que xa atravesan "non poucas calamidades". A última, a de Zas.

Trátase, di a Federación, da "principal caixa de aforros pública do noso entorno, que en cousa de dez anos foi fusionada con Caixanova, convertida en banca privada, e finalmente malvendida a uns especuladores que agora fan caixa a conta dos nosos aforros". "Para colmo", proseguen, "veñen de recibir unha xugosa subvención de 2,8 millóns de euros públicos da Xunta para que pechen as oficinas dos nosos concellos rurais e substitúan os seus empregados e empregadas por un caixeiro automático".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta