Os dous senegaleses que axudaron a Samuel piden "respecto para familia do mozo asasinado e "privacidade" para eles

Tamén agradecen o apoio recibido e instan a pór freo "ao odio e a violencia".

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 13/08/2021 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

Ibrahima e Maguette, os dous senegaleses que trataron de axudar a Samuel Luiz durante a malleira que provocou a súa morte, na madrugada do 3 de xullo, agradeceron, nun comunicado, o apoio recibido, á vez que piden "respecto á privacidade" da familia da vítima e os seus achegados.

Nun comunicado, que Xeito Avogados, que exerce a representación legal de Ibrahima --que tamén foi agredido esa noite-- trasladou en representación de ambos, os dous expresan o seu "máis sincero agradecemento".

Manifestación tras o asasinato de Samuel Luiz na Coruña
Manifestación tras o asasinato de Samuel Luiz na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Primeiro cos membros do Corpo Nacional de Policía, en especial á brigada da Policía Xudicial encargada da investigación na instrución do caso, eloxiando "o gran labor que están a realizar" e despois coa Subdelegación do Goberno na Coruña.

Tamén o fan co grupo da Oficina de Estranxeiría da Coruña por axudarlles na regularización da súa situación no país, recoñecendo o labor do corpo de Policía "ao impulsar estes trámites, tan importantes e imprescindibles para poder optar a unha vida digna e poder atopar traballo en España".

De igual forma, agradecen a todas as persoas que lles enviaron mensaxes de apoio, os cales afirman recibir "con agarimo e emoción". Por outra banda, piden "respecto á privacidade da familia de Samuel e os seus achegados". "Dado que non podemos esquecer que estes están a ser uns momentos moi difíciles e debemos tratar este tema coa máxima dilixencia".

REXEITAN UNHA ACTUACIÓN "HEROICA"

Tamén fan un chamamento a toda a sociedade "sobre a necesidade de reforzar e enxalzar os valores de respecto e tolerancia ante a diversidade de calquera índole, xa que todos somos persoas". Lembran, ao fío diso, que "eses foron os valores que os animaron a vir a este gran país".

Sobre a súa actuación, rexeitan que fose "heroica" e sosteñen que fixeron "o que tiñan que facer". "Axudar a outra persoa cando o necesitaba", pero lamentan que non puidesen impedir "o terrible e atroz crime cometido aquela noite", do que afirman que "nunca" o poderán "esquecer".

Ambos destacan "a sorte de seguir con vida" e manifestan o seu desexo de que "nunca se repita outro feito similar". Así mesmo reiteran que "como sociedade deberiamos aprender deste funesto capítulo, pondo freo ao odio e a violencia".

PIDEN PRIVACIDADE

Por último, desde o despacho de avogados lembran que tanto Ibrahima como Maguette "seguen mantendo a súa decisión de non conceder ningún tipo de entrevista", recalcando que "non realizarán nin ofrecerán ningún comentario, valoración ou relato do sucedido aquela terrible noite".

Ao fío diso, insisten en que "todo o que tiñan que manifestar xa o puxeron en coñecemento das autoridades policiais e a administración de xustiza" e subliñan, ademais, "que son quen teñen e deben coñecer esa información".

"Ambos toman esta decisión, principalmente por consideración cara á familia de Samuel, pero tamén por respecto cara ao labor da Xustiza, ante a que mostran a súa máis plena confianza", sinala o despacho de avogados, que insiste na decisión de Ibrahima "de non mostrarse ante a opinión pública", da que solicita que se "respecte", remitindo calquera cuestión relativa a este comunicado a esta representación legal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta