Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/08/2021 | Actualizada ás 15:59
O Grove, ata agora en nivel máximo de restricións, baixa a nivel alto, segundo publica este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG) co que a hostalaría deste municipio poderá abrir no interior, coas limitacións impostas pola Xunta.
No DOG, especifícase que o último comité clínico acordou manter este municipio no nivel máximo de acordo á súa taxa de incidencia e engade que, á vista da evolución da mesma desde o pasado 10 de agosto --dia da reunión do comité-- resulta posible que descenda ao nivel alto de restricións.
"Así, a súa taxa de incidencia axustada a sete días é de 116,28 casos por cada 100.000 habitantes e a súa taxa de incidencia axustada a 14 días é de 315,12 casos por cada 100.000 habitantes, segundo os datos dispoñibles do día 15 de agosto", reocoge o DOG. Nel, precísase tamén que a eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do martes, día 17.
Como xa se avanzou a última hora do venres, e tras non avalar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a solicitude do certificado covid nos locais de hostalaría, os novos aforamentos que se aplicarán a partir do martes implican o peche no interior en nivel máximo.
Así mesmo, os establecementos de municipios de nivel alto contarían cun aforamento do 30 por cento en interiores sen certificado covid.
No caso do lecer nocturno, o aforamento dentro dos locais nos niveis medio e medio baixo (nos dous de máis incidencia do virus os interiores dos pubs están pechados) modificaríanse do 50% con certificado ao 30% sen certificado, e á metade en terrazas no caso de nivel medio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.