Feijóo pediulle vacinas ás comunidades do PP, Madrid e Andalucía, por "dificultades"

Volve botarlle a culpa ao Goberno central e di que "xa se devolveron".

Por Galicia Confidencial | Madrid | 30/08/2021 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu este luns que Galicia pediu vacinas a algunhas comunidades autónomas, como Madrid e Andalucía, ao atoparse con "dificultades" para administrar algunhas segundas doses, pero precisou que xa se devolveron.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. ANA VARELA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. ANA VARELA | Fonte: XUNTA

Á pregunta sobre se a Comunidade de Madrid cedeulle da orde de 5.000 doses a Galicia en xuño, o presidente da Xunta aclarou, en Laxe, que efectivamente "nalgún momento" pedíronse vacinas e foron devoltas nos días seguintes. "Non estamos de acordo coas últimas entregas de vacinas en España. Non se pode chegar a unha conferencia de presidentes, dicir que hai 3,4 millóns de vacinas novas para España e que Galicia non reciba nin unha soa dose", reprochou.

De feito, o Goberno central argumentara no último gran reparto que Galicia fora das que máis vacinas recibira ao comezo do proceso pola súa poboación envellecida, pero que logo se acordara que na segunda fase, foran as autonomías con máis poboación moza as que recibiran máis.

Neste sentido, Feijóo puntou que desde a Xunta se expuxo que as comunidades autónomas cunha baixa porcentaxe de inmunidade por pasar a enfermidade, como é o caso de Galicia, puidesen recibir vacinas porque era "o lóxico", pero "o Goberno non aceptou".

Por iso, dixo, cando a Sanidade galega tivo "algún problema puntual" ao chegar aos días pautados para inocular as segundas doses de Moderna e Pfizer algunhas comunidades autónomas prestáronlle vacinas.  "Devolvémolas nos días seguintes. Galicia non debe vacinas", concretou Núñez Feijóo, quen agradeceu "a solidariedade" das autonomías que cederon as doses.

Preguntado pola súa opinión sobre a terceira dose, indicou que é unha decisión que lles corresponde tomar aos clínicos. "Os políticos imos facer o que os clínicos nos manden neste caso como viñemos facendo durante a pandemia", remarcou. Tamén, sostivo que Galicia é a comunidade con maior porcentaxe de poboación maior de corenta anos inmunizada e que está "en primeiro lugar" en número de vacinas en persoas de entre 12 e 19 anos. "Imos a un ritmo bastante razoable. Necesitamos máis vacinass evidentemente. Se as tivésemos poderiamos ter inmunizada á poboación de forma inmediata", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta