Pontón acusa á Xunta un posible caso de "prevaricación" por coñecer os plans das eléctricas sen actuar

O BNG pide unha comisión de investigación no Parlamento sobre o baleirado dos encoros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2021 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, recriminou que o Goberno autonómico coñecía os plans das empresas que realizaron baleirados "a través de dous e-mails recibidos durante os días 10 e 12 do mes de xuño". "Poderiamos estar ante un suposto caso de prevaricación, porque se está traballando para beneficiar ás eléctricas en contra da lei, en contra o medio ambiente e en contra de Galicia", dixo.

Ana Pontón na súa vista ao encoro de Ou Vao, en Viana do Bolo (Ourense). BNG
Ana Pontón na súa vista ao encoro de Ou Vao, en Viana do Bolo (Ourense). BNG | Fonte: Europa Press

Por iso, anunciou que a formación solicitou a creación dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia sobre o baleirado dos encoros por parte de Iberdrola e Naturgy. Así o deu a coñecer nun acto celebrado no encoro do Vao, no Concello de Viana do Bolo, "un dos que está a sufrir o efecto da usura das eléctricas", apuntou.

A líder do BNG pediu explicacións mediante a creación dunha comisión de investigación coa que solicita que se dea resposta a tres preguntas: "Por que o Goberno da Xunta tiña coñecemento de que se ían a producir estes baleirados e non actuou?, por que se está permitindo que as eléctricas baleiren encoros danando o medio natural sen que se faga nada? e por que a Xunta modificou a lei vinculada coas penalizacións ao sector eléctrico para rebaixar nun 90% as sancións?".

Deste xeito, Pontón afeou a Núñez Feijóo "ir de ganchete co lobby enerxético" e "traballar en contra dos intereses de Galicia". "Estamos a ver como descende a auga única e exclusivamente para que as eléctricas gañen máis e máis nesta estafa diaria na que levamos meses", destacou Pontón, que acusou á Xunta de Galicia e ao Goberno central de permitir "un atentado ecolóxico e un atentado contra o que debería ser o funcionamento normal do sistema eléctrico".

Por todo iso, trasladou que o Parlamento de Galicia "é o foro onde teñen que darse esas explicacións", que demanda mediante a apertura da comisión de investigación. "Xa está ben de que as eléctricas manden máis que os gobernos que democraticamente foron elixidos", agrega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta