A vacinación sen cita previa comeza este sábado nas sete grandes cidades galegas

Este sábado, ademais, serán chamados a vacinarse 400 persoas que recibirán a terceira dose de reforzo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2021 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

A vacinación sen cita previa comeza en Galicia este sábado, cando se abran os puntos de vacinación masiva das sete grandes cidades galegas a todo aquel que desexe recibir a primeira dose contra a covid e co que se pretende reducir o número de galegos aínda sen vacinar, ao redor de 200.000. Ademais, os días 13 e 14 de setembro habilitaranse puntos de vacinación para a comunidade universitaria, tamén nas sete urbes.

Por áreas, a de Ferrol ofrece un total de 2.000 ocos este sábado, tanto para autocitas como para aquelas persoas que acudan sen cita previa. A vacinación realizarase, como vén sendo habitual, no FIMO. Ademais, o 13 e 14 de setembro establecerase un punto de vacinación na Escola Politécnica Superior no Campus de Esteiro da Universidade da Coruña, onde poderán acudir tanto estudantes e persoal universitario como todos aqueles --aínda que non pertenzan ao ámbito da escola superior-- que queiran recibir a vacina. Ese punto estará dispoñible entre as 09,30 e as 14,30 horas e entre as 14,30 e as 20,30 horas.

En canto á área sanitaria de Santiago, para este sábado hai programados 4.000 ocos para primeiras doses na Cidade da Cultura, e outros 800 no Hospital de Barbanza. Tamén se inocularán segundas doses a diferentes colectivos no Hospital Clínico de Santiago, onde hai previstas 230 citas.

En Pontevedra, hai dispoñibles 2.700 ocos de autocita en quendas de mañá e tarde para maiores de 12 anos. Ademais, tamén nas quendas de mañá e tarde, estará dispoñible a vacinación libre. O mesmo ocorre no recinto feiral de FEXDEGA, en Vilagarcía de Arousa, con 717 ocos de autocita --mañá e tarde-- para maiores de 12 anos e con vacinación libre tamén este sábado.

No que respecta á área da Coruña, este sábado serán citadas en IFECO un total de 3.600 persoas máis sobre a actividade xa programada para ese día, que inclúe 6.000 ocos para autocitas e persoas que acudan a vacinarse sen cita previa. Neste mesmo lugar poderán vacinarse, o luns e martes, todos aqueles estudantes e persoal universitario que o desexe.

A área de Vigo, pola súa banda, ten reservadas no IFEVI un total de 9.500 doses, das que 8.000 destinaranse á vacinación libre e as restantes 1.500 a autocitas. Ademais, entre o luns 13 e o martes 14 de setembro, prevén inocular 2.500 dose para o persoal universitario.

Lugo, abrirá este sábado o tres centros de vacinación masiva para que todo aquel que queira pode acudir a vacinarse sen necesidade de pedir cita. Tanto no Hospital Universitario Lucus Augusti, como no Hospital Público da Mariña e no centro de vacinación de Monforte o horario de funcionamento será de 8,30 a 14,30 horas e de 15,30 a 19,00 horas. Ademais, os días 13 e 14 de setembro habilitarase un punto de vacinación no campus universitario de Lugo, concretamente, na Facultade de Veterinaria e cuxo horario de funcionamento será de 10,30 a 13,30 horas e de 15,00 a 18,30 horas.

TERCEIRAS DOSES A INMUNODEPRIMIDOS

Así mesmo, este sábado tamén serán chamados a vacinarse 400 persoas que recibirán a terceira dose de reforzo contra a covid-19, tal e como informou a Consellería de Sanidade.
Sumaranse así aos xa 50 galegos aos que venres lles inocularon a terceira picada e que procedían das áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Santiago.

Segundo estimacións do Ministerio de Sanidade, na Comunidade hai ao redor de 7.500 persoas susceptibles de recibir a terceira dose, aínda que Sanidade matizou que están "a revisar os datos" por se houbese que "actualizar a listaxe". Con todo, "a intención da Consellería é que todos eles reciban a súa terceira dose ao longo da semana que vén", incidiu o departamento autonómico.

O proceso de inxección da terceira dose de reforzo para o colectivo de inmunodeprimidos comezou este venres e  inocularase á "práctica totalidade" de trasplantados de órganos sólidos e trasplantados de médula, ademais doutras persoas inmunodeprimidas.

Fila de pacientes que esperan sentados tras recibir a primeira dose da vacina AstraZeneca no recinto de Expourense, a 6 de abril de 2021 / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press
Fila de pacientes que esperan sentados tras recibir a primeira dose da vacina AstraZeneca no recinto de Expourense, a 6 de abril de 2021 / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta