Ata 7.000 euros de axuda para mercar un coche eléctrico

O Goberno lanza unha nova edición do programa para subvencionar os vehículos eléctricos e as súas estacións de recarga.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2021 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

Os interesados en adquirir turismos eléctricos poderán solicitar axudas --dentro da convocatoria do Moves III-- a partir deste luns para a compra de vehículos e a implantación de infraestruturas de recarga. O Moves III é o programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica. No caso da comunidade autónoma galega, a dotación total asignada alcanza os 22,7 millóns de euros, xestionados polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que depende da Vicepresidencia Primeira do Executivo autonómico.

Os particulares, comunidades de propietarios, empresas e entidades locais que estean interesados en adquirir un vehículo eléctrico ou implantar unha infraestrutura de recarga poderán formalizar a súa petición ata o 31 de decembro de 2023. As axudas concederanse por orde de chegada.

As solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras adheridas, como concesionarios e instaladores de baixa tensión para a implantación de infraestruturas de recarga. A este respecto, o prazo de presentación de solicitudes para todos os organismos que queiran actuar como colaboradores continúa aberto.

DÚAS LIÑAS DE FINANCIAMENTO

A nova convocatoria do programa Moves inclúe dúas liñas de financiamento. A primeira terá como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible. As axudas oscilarán entre os 700 e os 9.000 euros por automóbil "en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso".

A compra de motocicletas e cuadriciclos apoiarase con subvencións de ata 2.000 euros, mentres que os turismos recibirán ata 7.000 euros; 9.000 euros será o límite para as furgonetas. Os particulares só poderán dispor de apoios para a compra dun vehículo, mentres que o resto dos beneficiarios poderán solicitar ata 50 por ano.

A segunda liña dirixirase á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos. As axudas oscilarán entre o 30% e o 80% do custo subvencionable, e os parámetros irán marcados en función do tipo de solicitante, potencia, ou localización da potencial instalación.

Endesa instala puntos de recarga para coches eléctricos no Hospital da Esperanza de Santiago
Endesa instala puntos de recarga para coches eléctricos no Hospital da Esperanza de Santiago | Fonte: ENDESA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

As bicicletas eléctricas cero euros ? Italia leva dous anos subvencionando 500 € por bici eléctrica pero aquí seguimos dándolle de comer aos mesmos de sempre ! https://twitter.com/00Gamela/status... En breve os ciclousuarios teremos que pagar un seguro obrigatorio para que engorden as Grandes Aseguradoras (aínda non cobramos un € do Prestige e pasaron 20 anos !)