Os contaxios da Covid comezan a estar controlados por baixo do centenar diarios

Os casos activos seguen diminuíndo cun total de 3.249 en toda Galicia, mentres a positividade das PCR cae ao 1,7%.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 14/09/2021 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

O número de contaxios diarios de covid-19 en Galicia volveu a descender nas últimas horas ata situarse por baixo do centenar por segundo día consecutivo. Ademais, continúan á baixa tanto os casos activos da enfermidade, a 3.249, como os pacientes que requiren hospitalización, ata os 149.

Así, segundo os datos feitos públicos este martes polo Sergas (con información solicitada ata as 18,00 horas do luns), nas últimas 24 horas computadas rexistráronse 75 novas infeccións por coronavirus a través de todo tipo de probas, que supón 14 menos que que os notificados na xornada anterior.

Esta cifra reduciuse en catro das sete áreas sanitarias. En concreto, a de Lugo-A Mariña-Monforte notificou 10 positivos novos (17 menos que o día previo); a de Santiago-Barbanza sumou 9 (-9); e a de Ferrol, ningún novo caso (-2).

Pola contra, subiron o número de infeccións diarias rexistradas a área da Coruña-Cee, ata as 23 (+2); a de Vigo, a 20 (+10); e a de Pontevedra-O Salnés, con 6 positivos novos (+3). No caso da de Ourense-Verín-O Barco, mantívose estable con oito contagios notificados nun día.

Ao producirse máis altas que novos diagnósticos nas últimas horas, as persoas que contan coa infección activa volveron a anotar un descenso ata situarse nas 3.249 --217 menos que un día atrás--.

Este descenso replícase en todas as áreas sanitarias. A que contabiliza o maior número de pacientes segue sendo A Coruña-Cee, con 879 (-60), seguida de Lugo-A Mariña-Monforte, con 629 (-38); e Santiago-Barbanza, con 560 (-40). Séguenlles Vigo, con 480 pacientes covid (-29); Ourense-Verín-O Barco, con 351 (-16); Pontevedra-O Salnés, con 214 (-10); e Ferrol, con 136 (-24).

Entrada a un local de hostalaría, a 31 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press
Entrada a un local de hostalaría, a 31 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press


PRESIÓN HOSPITALARIA

Con respecto á ocupación de camas en hospitais galegos, esa presión asistencial reduciuse, a pesar do aumento notificado por Sanidade este luns. Así, o último balance do Sergas tira unha cifra de 37 persoas en unidades de coidados intensivos --nove menos que hai un día-- e 112 en planta --catro menos--.

Se observamos os pacientes máis graves, a área da Coruña continúa como a de maior número de persoas en críticos, con 12, aínda que non rexistrou variacións no último día. Tampouco cambiou a cifra na de Pontevedra, con catro; na de Lugo, con tres; nin na de Santiago, con dúas.

Mentres tanto, descenderon os enfermos que requiren UCI nos hospitais da área de Vigo, ata os 7 (-1); na de Ourense, a seis (-2); e na de Ferrol, a tres (-2).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta