O PP rexeita retirar axudas a entidades financeiras por abrir caixeiros en zonas onde pechen oficinas

Os votos do grupo maioritario na Cámara galega, o PPdeG, serviron para tombar a iniciativa do BNG que pretendía retirar o nome do primeiro presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, dunha das salas do Pazo do Hórreo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2021 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Galicia rexeitou este martes as peticións da oposición para que a Xunta deixe sen efecto as axudas a entidades financeiras pola apertura de caixeiros en zonas nas que se producen peches de oficinas ao asegurar que o Goberno galego está preocupado por "mellorar a accesibilidade da poboación aos servizos bancarios".

O pleno da Cámara galega acolleu este martes o debate acumulado de senllas iniciativas do BNG e do PSdeG, unhas proposicións non de lei que non saíron adiante ao contar co voto en contra do grupo maioritario.

A primeira delas foi defendida polo deputado do PSdeG Juan Carlos Francisco Rivera, quen censurou o peche continuo de oficinas bancarias tanto en pequenos municipios como en zonas urbanas. "Deben de ser os poderes públicos os quen garantan ao conxunto da cidadanía a prestación dos servizos básicos, independentemente do lugar no que residan. Niso fundaméntase a cohesión social, esa que a Xunta di defender", afirmou.

Deste xeito, presentou unha batería de medidas a través da que propuxo instar á Xunta a dirixirse a Abanca para que "proceda á paralización inmediata do peche de oficinas bancarias anunciado nos últimos meses, especialmente nos municipios nos que esta entidade é a única oficina bancaria". Ademais, pediu que se lle reclame a reapertura das oficinas pechadas ao longo de 2021.

A iniciativa, que incluía cuestións como a elaboración dunha carta de servizos básicos que garanta o dereito de todos os galegos a non ser excluídos na prestación de servizos básicos de carácter financeiro, tamén propuña dirixirse ao Estado para que promova un marco normativo que garanta o dereito de toda a cidadanía a non ser excluída no ámbito financeiro no seu territorio.

O deputado socialista aceptou unha emenda de adicción formulada polos nacionalistas, a través da que reclamaba que o Executivo autonómico tomase as medidas necesarias para "deixar sen efecto o impulso de calquera medida que teña por obxecto inxectar recursos públicos a entidades bancarias para sufragar servizos que estas mesmas entidades pechan sen xustificación económica".

Precisamente, esta petición configura o primeiro punto da proposición non de lei defendida na sesión pola nacionalista Noa Presas, quen asegurou que "ás veces é peor o remedio que a enfermidade" e que fose "mellor" que o "Partido Popular estivese quieto" en lugar de pór en marcha estas axudas.

As peticións da oposición non saíron adiante ao contar co voto en contra do Grupo Popular, cuxa deputada Sandra Vázquez reclamou ao Goberno de España que poña en marcha un plan estatal contra a exclusión financeira, con medidas como unha normativa que regule a prestación universal de servizos financeiros básicos e esenciais a todos os usuarios, con independencia do lugar no que residan.

Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO
Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO

O NOME DE ANTONIO ROSÓN SEGUIRÁ NO PARLAMENTO

Os votos do grupo maioritario na Cámara galega, o PPdeG, serviron para tombar a iniciativa do BNG que pretendía retirar o nome do primeiro presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, dunha das salas do Pazo do Hórreo en virtude da aplicación da Lei de Memoria Histórica pola "vinculación" do tamén primeiro xefe do Lexislativo galego ao golpe de estado e a posterior ditadura franquista.

A proposición non de lei defendida polo BNG pretendía situar ao hemiciclo contra o acordo aprobado este verán pola Mesa do Parlamento (con voto en contra do Bloque e abstención do PSdeG) para bautizar 15 espazos da sede da Cámara autonómica en honra a 15 persoas vinculadas con Galicia, incluído Rosón, que dá nome á sala onde se reúne a xunta de portavoces.

O esquema da votación do devandito acordo repetiuse este martes na sesión plenaria do Lexislativo galego, polo que a iniciativa dos nacionalistas foi rexeitada ante a oposición do Partido Popular, cuxo portavoz, Pedro Puy, censurou o "revisionismo" do Bloque e puxo en cuestión a versión ofrecida sobre Rosón acerca do seu papel na guerra civil e a ditadura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta