Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2021 | Actualizada ás 19:13
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, pediu facer "unha reflexión importante", tras o episodio de contaminación do río Tambre --que deu por "finalizado"--, "por parte da Xunta e dos gandeiros", sobre o "tratamento e xestión dos xurros".
O rexedor municipal asegurou este venres en rolda de prensa que "é previsible que haxa novos accidentes", polo que sería "razoable" contar con protocolos de actuación que faciliten a "rápida circulación de información, co aviso a todos os afectados, e tamén a intervención para facer fronte, con carácter inmediato, aos danos que se poidan producir".
Sobre a traída da auga, Bugallo remarcou que "se está volvendo á normalidade" e que, ademais do control realizado na propia captación, instalouse, "para estar previdos", unha sonda que está a facer medicións", para facilitar así datos anticipados e "garantir a salubridade da auga" que chega á cidadanía. "De momento, todas as medicións dan parámetros normais", asegurou.
A este respecto, indicou que tanto Santiago, como Ames e Brión, deben facer "unha reflexión", e "valorar hipóteses alternativas a ese único punto de captación de auga para a subministración do tres concellos, que é o río Tambre". "Santiago dispón doutra alternativa, das augas que veñen das Brañas de Brins, pero o caudal é demasiado pequeno para unha cidade como Compostela", concedeu.
CAMPAÑA BONOS
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, convidou aos comercios e locais hostaleiros composteláns a sumarse á campaña dos bonos 'Corazón Compostela', presentada este xoves.
En rolda de prensa, o rexedor municipal anunciou que a convocatoria, que se abrirá a próxima semana, busca "reactivar o consumo". "Desde este venres, os establecementos interesados poden adherirse á iniciativa, unha das cousas que se están facendo para paliar as consecuencias da crise xerada pola covid", sinalou. Unha acción á que se suman as axudas directas, que "espera" que se fagan efectivas este mes, "unha vez os expedientes sexan revisados polos servizos económicos".
O alcalde tamén mostrou a súa "satisfacción" polos datos do sector turístico. Concretamente, citou os datos de Exceltour, onde Santiago de Compostela aparece como "o destino máis demandado", cun 56% de aumento. A este respecto, engadiu que este aumento de visitas e peregrinos "está a ter consecuencias positivas para comercio e hostalaría".
Tamén sobre datos, esta vez da actividade nocturna, falou Sánchez Bugallo. "O que non me gusta tanto é o exceso da actividade nocturna", apuntou. O rexedor fixo un novo chamamento á prudencia, tras unha noite na que a Policía local acudiu a 14 pisos por ruídos e disolveu varias concentracións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.