O BNG reclamará a transferencia da xestión de todos os ríos e encoros galegos

A deputada nacionalista, Noa Presas, argumentou esta postura do BNG ante o "escándalo das eléctricas" despois de "marcas continuas" no prezo da luz.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2021 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O BNG levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar que a Xunta adquira a competencia sobre a xestión de todos os ríos e encoros galegos, co obxectivo de "cambiar os problemas de fondo" no ámbito enerxético.

Así o avanzou, en declaracións remitidas este sábado aos medios, a deputada nacionalista Noa Presas, quen considera que non ten "sentido ningún" que os ríos "dependan de decisións que se toman a 500 quilómetros", xa que os da conca Miño-Sil dependen da Administración estatal.

Presas argumentou esta postura do Bloque co "escándalo das eléctricas" despois de "marcas continuas" no prezo da luz mentres "o baleirado dos encoros --os de Belesar, Salas, Cenza e As Portas-- alcanza cifras históricas". Ademais, acusou á Xunta e ao Goberno central de manter un "pim pam pum" que é "estéril" á conta desta polémica.

Por iso, a deputada do BNG reclamou non só que o Parlamento autonómico active unha comisión de investigación "para depurar responsabilidades" por esta situación, senón tamén que reclame as competencias sobre os ríos e encoros da conca Miño-Sil e dos que dependen das demarcacións do Douro e o Cantábrico.

Neste contexto, o Bloque lamenta que a transición enerxética supoña "un novo proceso de recentralización" no que Galicia "non está a ter capacidade de actuación, opinión ou deseño dun modelo propio". "Desde o BNG temos claro que hai que darlle a volta a esta situación e, por iso, levaremos ao Parlamento galego a transferencia das competencias para conseguir que, sobre os encoros e os ríos galegos, decidamos os galegos e galegas e, por tanto, sexan xestionados desde Galicia", concluíu Presas.

Precisamente, no arranque da crise polo baleirado dos encoros, o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou para reclamar que tamén a conca Miño-Sil dependese da Administración autonómica, igual que a demarcación da costa.

Encoro na conca Miño-Sil. Rosa Veiga - Europa Press
Encoro na conca Miño-Sil. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta