Que facer no Ano Franciscano?

O ex prior de Herbón aposta por "encher Santiago de franciscanismo" pero converxendo o "interese cultural-turístico" co eclesiástico.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/01/2014 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Este ano conmemoranse os 800 anos da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. A Xunta quere convertelo nun pequeno Xacobeo pero, ata o momento, non acaban de arrincar os proxectos conxuntos entre o Goberno galego e a orde franciscana.

Roberto Freire, premio Portapaz 2013
Roberto Freire, premio Portapaz 2013

O ex prior de Herbón, o franciscano Roberto Freire, pídelle, precisamente á Xunta e á provincia franciscana de Santiago que traballen nun proxecto conxunto que teña como fin a "concordia". "Se eu poidera enchería Santiago de franciscanismo", recoñeceu ao referirse a como impulsaría el a efeméride da peregrinación de San Francisco a Compostela. "Habería que negociar coa Administración este uso, entre comiñas, do nome franciscano, e tratar de facer un esforzo común para que haxa unha converxencia do interese cultural-turístico co que poden ser os intereses pastorais".

Longa loita polo BIC

E o monxe sabe de que fala. Agora cumple "penitencia" atendendo as parroquias do Cebreiro, tras manter unha longa loita en Herbón, mesmo enfrontandose co alcalde e os curas da localidade, ata conseguir que o actual convento franciscano fora declarado BIC.

Por iso, na entrega do premio Portapaz, que entrega o Seminario Galego de Educación para a Paz, Roberto Freire pediu que se declare o convento de Herbón "como obra testemuño desta efeméride de 2014", para "potenciar os valores que aí se cultivaron e sobre todo que se compartiron: hospitalidade, pedagoxía, paz e cultura". E é que en Herbón convivía a orde franciscana con ata sete asociacións culturais, pedagóxicas, agrícolas ou de atención aos discapacitados. Isto implica que, tanto a Xunta como a Orde franciscana atendan, precisamente, o que significa a declaración dun monumento como Ben de Interese Cultural.

Biblioteca do convento e albergue xuvenil

Neste sentido, apostou por poñer en valor o fondo bibliotecario do convento, con máis de 30.000 libros e restaurar as cubertas do convento e a construción dun albergue xuvenil xa previsto pola orde. Tamén insiste na restauración do retablo maior da igrexa conventual prometido pola Xunta con motivo da efeméride do 2014.

"Herbón non pode saír adiante sen un nexo de unión e mediación ata que as asociacións estean funcionando con regularidade nos espazos que lles corresponden", dixo sobre a actual paralización do proxecto asociativo de Herbón logo da súa marcha forzada. Ademais, insiste na disolución da Fundación “Convento de Herbón” e a inversión dos seus fondos no sistema de iluminación da igrexa conventual.

Finalmente, fixo un chamamento a súa orde para que destine o chamado "pan dos pobres" --os cartos cos que contan os franciscanos para obras de caridade-- a contratar un discapacitado psíquico para o proxecto de agricultura ecolóxica así coma unha achega do mesmo fondo ao proxecto de menores tutelados “Lar de Herbón”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta