A Xunta abre unha liña de axudas con 500 euros para cada afectado por ERTE durante un mínimo dun ano

A prórroga de ERTE farase en dúas fases: manteranse coma agora ata outubro e logo cambiarán, segundo indica o goberno central.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

A Consellería de Emprego abriu unha nova liña de axudas --publicada este xoves polo Diario Oficial de Galicia (DOG)-- con tres millóns de euros para compensar a perda de poder adquisitivo de traballadores afectados por ERTE durante a pandemia. Deste xeito, o Goberno galego entregará 500 euros por beneficiario a aquelas persoas que permanecesen un mínimo de 12 meses en ERTE por mor da covid --entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de xullo de 2021--, aínda que fose interrompido.

Ademais, para poder acceder a estas axudas, as persoas solicitantes deben contar con rendementos declarados no IRPF do ano 2020 que non excedan de 14.000 euros. A estes apoios poderán acceder traballadores por conta allea, incluídos os fixos descontinuos ou socios traballadores de sociedades laborais e cooperativas. O prazo para solicitar axudas ábrese este venres, 24 de setembro, durante un mes --ata o 23 de outubro--.

Manifestación de traballadores da refinaría da Coruña en rexeitamento ao ERTE / Comité de empresa. / Europa Press
Manifestación de traballadores da refinaría da Coruña en rexeitamento ao ERTE / Comité de empresa. / Europa Press

PRÓRROGA DE ERTE EN DÚAS FASES

A reunión deste xoves entre o Goberno e os axentes sociais para prorrogar os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) ata o 31 de xaneiro finalizou sen acordo, pero con avances. Mañá volverán reunirse a partir das 10.00 horas. Segundo fontes do diálogo social consultadas por Europa Press, a nova prórroga estrutúrase en dúas fases de vixencia: a primeira estenderá os ERTE nas mesmas condicións que as actuais ata o 31 de outubro, mentres que a segunda introducirá novas condicións e estará vixente entre o 1 de novembro deste ano e o 31 de xaneiro de 2022.

O obxectivo desta dobre vixencia é dar ás empresas tempo para renovar a solicitude de ERTE, pois para iso terán de prazo dez días: do 1 ao 10 de outubro. A administración terá que responder á devandita solicitude nos dez días seguintes. Aínda que na reunión do pasado martes o Goberno expuxo que, en caso de non producirse unha resolución nese prazo se consideraría a renovación dos ERTE como desestimada (silencio negativo), fontes da negociación confirman que o Executivo reconsiderou a súa postura, de forma que o silencio administrativo se entenderá como positivo.

Desde UGT aseguran que segue habendo "inconvenientes" no que respecta ás exoneracións vinculadas á formación e que existe "resistencia" no Goberno a poñer o 'contador a cero' nas prestacións por desemprego. Os sindicatos queren que este chegue polo menos ata o 30 de xuño de 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta