Feijóo censura o diálogo entre Goberno central e Generalitat e a repartición "arbitraria" dos fondos 'Next Generation'

O presidente da Xunta di que mentres en Cataluña "caducan as vacinas" contra a covid-19, Galicia vai "coa lingua fóra para vacinar" ao esgotar o seu 'stock'.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 26/09/2021 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, considera que o Goberno central debe "corrixir o rumbo" da súa xestión "para situar España por enriba de todo", á vez que afeou a repartición "arbitraria e sen criterio" dos fondos 'Next Generation'.

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, no 18º Congreso Provincial do partido
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, no 18º Congreso Provincial do partido | Fonte: PPdeG.

Neste sentido, en referencia ao financiamento autonómico, asegurou que o PP "pelexará" para que se teña en conta a estrutura da poboación e o custo da prestación de servizos. "Gasta o mesmo un neno de 12 anos que unha señora de 85?", preguntouse.

Ademais, o líder dos populares galegos e presidente da Xunta cargou contra a mesa de diálogo entre o Goberno central e a Generalitat de Cataluña, porque "non se pode aceptar que o que afecta a todos o elixean entre dous".

Neste contexto, afirmou que se lle preguntan ao Partido Socialista polos orzamentos destinados a Galicia "contestará: o que diga Sánchez"; e se lle preguntan ao BNG "terá que esperar a que respondan os seus compañeiros de Esquerra Republicana ou Bildu". "No PP contestaremos: o que Galicia se merece", recalcou.

De igual modo, Feijóo afeou que, mentres en Cataluña "caducan as vacinas" contra a covid-19, Galicia vai "coa lingua fóra para vacinar" ao esgotar o seu 'stock'.

Todo iso aseverouno durante a súa intervención no 18º Congreso Provincial do PP de Ourense, celebrado no Pavillón Paco Paz da cidade das Burgas, no que Manuel Baltar resultou reelixido presidente con máis do 99% dos votos dos compromisarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta