Caballero insiste na integración e defende que "non hai proxecto alternativo" con máis capacidade

Avoga por construír un equipo "no que todos caben" e no que o proxecto colectivo estea "por encima de todas as individualidades".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2021 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu a chamar este luns á unidade e á integración convencido de que "non hai un proxecto alternativo" ao da actual dirección que permita construír o futuro "con máis forza, capacidade e ilusión".

Nunha rolda de prensa celebrada este luns e preguntado polo proceso interno que os socialistas galegos abriron para renovar as súas estruturas, Gonzalo Caballero incidiu en que, ao longo dos catro anos nos que el estivo á fronte, a formación avanzou en todos os procesos.

"O balance do PSdeG foi positivo, sen dúbida insuficiente, pero avanzamos en todos os procesos electorais", sinalou para deixar claro que el avoga por un "partido unido, integrado e con lealdade" para ter "máis forza" e "para gañar no futuro, para gañar nas eleccións xerais e municipais do 2023 e para traballar nun proxecto colectivo para Galicia que sexa capaz de darlle alternativa ao Partido Popular en Galicia".

Ademais, destacou que ao longo desta etapa traballou para "facer unha política con ética e exemplaridade". "Porque en tempos de dificultades temos que recuperar a confianza na política por parte da cidadanía, ese é o reto que teño, seguir traballando por ese PSdeG útil aos galegos", apuntou.

O dirixente socialista, que sinalou que cando haxa que retirar ao PP da Xunta ou o "fai o PSdeG" ou os populares "seguirán gobernado", mostrouse partidario de construír un equipo no que "todos caben" no PSdeG e no que "o proxecto colectivo, galeguista, feminista, ecoloxista e de esquerdas" está por encima das individualidades. Esa, dixo, "é a mellor receita" para o partido nuns tempos nos que debe estar centrado na reconstrución.

Nun contexto no que o prazo para presentación de candidaturas á Secretaría Xeral finaliza o vindeiro xoves e no que voces socialistas apuntan a que o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Gonzalez Formoso, podería dar un paso adiante, Gonzalo Caballero avogou por respectar todos os prazos do proceso interno dunha organización que asegurou "coñecer ben" tras os seus 25 anos de militancia.

"O proxecto que plantamos fai catro anos xerminou pero necesita tempo para dar froitos", dixo Gonzalo Caballero, que incide en que "con unidade e lealdade", o PSdeG será máis forte. "Ofrezo a todos espazos de encontro", apuntou. Por último, felicitou ao Partido Socialista de Ourense polo desenvolvemento do proceso de elección de delegados en democracia, no que participaron case un milleiro de militantes que optaron polas distintas opcións que había.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta