Por Galicia Confidencial | Galicia | 25/04/2007
Non é a primeira vez que o nacionalismo toma a iniciativa para garantir a limpeza do voto e unha representación adecuada da diáspora galega. En outubro 2000, aprobando unha moción do BNG, o Congreso acordou por unanimidade "equiparar os procedimentos de voto dos residentes no exterior cos residentes no territorio estatal". Nesa mesma lexislatura, traballou no Senado unha comisión impulsada por Anxo Quintana para estudar e propor reformas do voto emigrante. E nesa mesma altura, no Parlamento galego, só a negativa do PP impedíu que unha comisión criada con idéntico fin puidese render o seu informe final. Por non falar das propostas de lei ou das proposicións non de lei nas que o BNG, as máis das veces en solitario, reclamou a dignificación dun sistema electoral sobre o que seguen a pairar sospeitas -cando non indicios ou probas- de fraude.
Foi, con certeza, o medo ao escándalo o que conducíu a PP e PSOE ao relatorio conxunto. Non sería apresentábel non iren, máxime á luz das noticias -cartas, compra de votos, fotocopia de pasaportes, axentes electorais...- que día a día chegan ao país de alén mar. Mais non van, é evidente, de bon grao. Logo chegan as excusas -"non lle podemos marcar prazos ao Congreso" (Leiceaga), "hai que traballar con rigor e sen présas" (Rego)- que prenuncian o que Rubalcaba, Ministro do Interior, ven de recoñecer no Senado: non vai haber reforma da lexislación electoral para as eleccións xerais. É dicer, o PSOE non ten pensado renunciar, ainda, ao colchón electoral que a manipulación do voto emigrante depara a quen ostente o goberno español.
Na Galiza, o BNG seguirá insistindo na necesidade desta reforma e traballando para a acadar canto antes. Porque esta é a derradeira oportunidade para regularmos o voto emigrante. Na vez seguinte, con ocasión do próximo escándalo, o que a sociedade reclamará non é ningunha nova regulación máis, directa e simplesmente, a supresión dun voto que se equipara, crecentemente, con fraude. Algúns semellan non se decatar. Efeitos do jet lag."