O Congreso do PP: cambiar algo para que todo siga igual

Na presentación da convocatoria do Congreso extraordinario do PP para o vindeiro mes de Xullo, Alberto Núñez Feijoo atreveuse a realizar un xogo de palabras -"imos pasar do conclave do Papa ao conclave do PP"- que revela a mediocre calidade das persoas encargadas de construír a oratoria deste dirixente político.

Por Xesús Veiga | Compostela | 09/06/2025

Comparte esta noticia
Como xa manifestaron diversos analistas, esta metáfora eclesiástica resulta totalmente desafortunada por canto a devandita cita congresual non se convoca por mor da desaparición física do presidente do partido. Sen contar, ademais, co lóxico sentimento de agravio que puideron experimentar os votantes populares que profesan a fe católica ante a verbalización de semellante brincadeira.
 
O PP leva 8 anos sen celebrar un Congreso que acometa  a discusión e aprobación de relatorios político-ideolóxicos e organizativos. Se enumeramos brevemente algúns dos feitos acontecidos neste período de tempo, poderemos acadar unha primeira aproximación a respecto da envergadura desta desconexión: a grave crise política e institucional rexistrada en Cataluña; a aparición e desenvolvemento da pandemia da COVID; as consecuencias económicas e políticas da intervención militar de Rusia en Ucraína; a consolidación de Vox como terceira forza política no Parlamento estatal; a posta en marcha dunha estratexia xenocida por parte do Goberno de Israel sobre a poboación de Gaza; a catástrofe provocada polas inundacións padecidas pola poboación da Comunidade Valenciana; a nova chegada de Trump á presidencia dos USA coa ruptura da orde internacional até agora coñecida... Ante estas e outras circunstancias, o principal partido da oposición non quixo actualizar o seu ideario e limitouse a tomar posicións curtoprazistas baseadas na coñecida obsesión antisanchista que ven caracterizando as súas decisións tácticas.
 
Para quen coñecemos a traxectoria de Feijoo na política galega, non resulta sorprendente o comportamento que está seguindo dende que chegou, no ano 2022, á sede da rúa Génova. Nunca considerou prioritario revisar e/ou elaborar as ideas que veñen conformando o esqueleto identitario do partido que agora preside. Sempre optou por non ir mais alá dos contidos recollidos nos sucesivos programas electorais. Mentres foi presidente da Xunta, viviu das rendas ideolóxicas establecidas por Manuel Fraga e das aportacións formuladas polo fundador do PP ("Administración única"; reforma do Senado; "autoidentificacion"; Conferencia de presidentes das CCAA...). Certamente, non necesitou unha maior creatividade ideolóxica para administrar un partido -o PPdG- que dispuña dunha continuada hexemonía electoral construída sobre unha filosofía indiscutibelmente conservadora.
 
Neste vindeiro Congreso de Xullo, Alberto Núñez non vai propiciar unha nidia delimitación política e ideolóxica co que representa Vox. Nin sequera vai facer como o actual primeiro ministro alemán (da CDU) anunciando previamente o explicito rexeitamento dunha coalición gobernamental co partido de Abascal. Se esa alianza resultase necesaria aritmeticamente para chegar á Moncloa, non tería dúbidas para asinala porque as vindeiras eleccións xerais constitúen a derradeira posibilidade para non finiquitar definitivamente a súa carreira política.
 
O que está sucedendo con Carlos Mazón ilustra sobre os limites na xestión do liderado de Feijoo no seo do PP. Repítese, ate certo punto, o modelo da relación con Ayuso: desexaría exercer un dominio inequívoco sobre esas figuras que camiñan cunha autonomía que nunca aceitou na súa andaina galega (agás no caso do pacto con X. M. Baltar para acordar un reparto do poder orgánico) pero carece da fortaleza suficiente para facelo efectivo. Agarda que o eventual paso pola Moncloa resolva esta anomalía a través dunha maior e decisiva influenza mediática que hoxe non posúe.
 
Os mais solventes estudos demoscópicos certifican unha significativa asimetría: o PP mantén un elevado nivel de fidelidade entre os seus votantes habituais mentres que a figura de Alberto Núñez está perdendo crédito entre eses mesmos sectores. Semella que o comportamento electoral dese universo social non depende das virtualidades que presente o candidato. A conclusión está servida: o contido que teña finalmente o Congreso de Xullo non será relevante para o resultado da cita coas urnas. Servirá, iso si, para comprobar se o ex-presidente da Xunta mantén, efectivamente, o control do poder interno.

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, durante unha sesión plenaria no Congreso dos Deputados
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, durante unha sesión plenaria no Congreso dos Deputados | Fonte: Fernando Sánchez - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.