Por E.P. | Ourense | 27/09/2021 | Actualizada ás 18:13
O dono dunha empresa de reformas e o responsable de seguridade dunha obra na que faleceu un operario nun accidente laboral rexistrado en maio de 2018 quedaron absoltos dun delito de homicidio imprudente en concurso cun delito contra os dereitos dos traballadores. Así o estableceu o Xulgado do Penal número 1 de Ourense nunha sentenza emitida este luns 27 de setembro e contra a que cabe recurso de apleación a presentar nun prazo de dez días ante a Audiencia Provincial ourensá.
A xuíza entende que o empresario e o coordinador de seguridade, que se enfrontaban a unha petición de dous anos de cárcere solicitados por Fiscalía, non foron responsables da morte do traballador, que caeu ao baleiro tras romper a corda mentres realizaba traballos de rehabilitación no patio interior dun edificio da avenida de Santiago.
O obreiro, de 30 anos, precipitouse ao iniciar o descenso á terraza da primeira planta para realizar un descanso. Nese momento, rompeu a corda e caeu contra a terraza, morrendo a consecuencia do golpe.
Na súa sentenza, o xulgado determina que nin o empresario nin o coordinador de seguridade foron responsables do accidente posto que o traballador falecido, que tiña experiencia na realización de traballos verticais, descolgouse "cunha soa corda, a de traballo, sen utilizar a corda de seguridade ou de vida".
A ruptura desa corda, que foi seccionada por un azulexo e que era "de recente adquisición", foi a causante da caída que, segundo reflicte a xuíza no fallo, produciuse por "dous feitos consecuentes", o corte da corda e "a falta de utilización da corda de seguridade e de vida".
Así, resalta que o uso da corda de seguridade tería evitado o accidente e que, por tanto, os equipos de seguridade da obra "cumprían coa normativa en vigor", polo que, para a xuíza, non quedou acreditado que a "falta de subministración de medios, tanto de materiais como de formación" supuxese un "grave perigo" para a vida, a saúde ou a integridade física do traballador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.