O Concello inicia a expropiación dos terreos da estación de tren de Ourense que quedarán libres

O goberno de Jácome quere facerse cos terreos de Adif que quedan sen uso ferroviario.

Por E.P. | Ourense | 27/09/2021 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense iniciou o procedemento para a expropiación dos terreos da estación de ferrocarril Ourense-Empalme que quedarán libres de uso ferroviario. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, explicou que "se abre unha posibilidade estratéxica" para o desenvolvemento da cidade e, en especial, do barrio da Ponte se se obtén a titularidade dos terreos para incorporalos á trama urbana.

Aparcadoiro da estación intermodal de Ourense
Aparcadoiro da estación intermodal de Ourense | Fonte: ADIF.

"A cidade de Ourense ten un problema grande de espazos para desenvolver infraestruturas, pero temos bolsas de terreo que poderiamos utilizar", apuntou Jácome.

"É unha estación de carga que agora mesmo ten pouco traballo", profundou, antes de reclamar que se desvíe totalmente a carga de traballo á estación do polígono industrial onde se realiza "o 90%" das funcións.

Deste xeito, expuxo que quedarían sen uso "120.000 ou 130.000 metros cadrados" que "virían de marabilla para a cidade, que está completamente apertada".

A petición ten o apoio da Asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, que xa demandaba a construción dunha estación que centralizase no propio parque industrial o transporte das mercadorías que actualmente se reparte entre o polígono e a estación de Ourense-Empalme.

A corporación municipal xa dera o visto e prace á iniciativa dos empresarios a través dunha declaración de apoio no pleno do mes de maio. "Centralizando esa rede disporiamos de 12 hectáreas", incidiu o alcalde este luns.

Con todo, manifestou que durante o mes de abril solicitou unha reunión coa presidenta de Adif para falar sobre a proposta e "fixeron caso omiso".

Para iso, baséase en que Adif iniciou o período de exposición pública dos expedientes de declaración da necesidade de ocupación do proxecto de construción da nova estación intermodal de Ourense. "É o momento oportuno para unha transformación de calado", afirmou Pérez Jácome.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta