Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/09/2021 | Actualizada ás 21:25
"Os Restos da Ditadura na cidade da Coruña: 4 alcaldes franquistas nas rúas do Ventorillo" é un roteiro que terá lugar este sábado día 2 na cidade da Coruña. Partirá ás doce da mañá dende o cruzamento da Rolda de Outeiro coa rúa Liaño Flores e, organizado pola Comisión Recuperación Memoria histórica A Coruña, mostrará a pegada do Franquismo na cidade para reclamar a eliminación destes símbolos baixo o lema "Fóra das nosas rúas os alcaldes da ditadura!".
En concreto, dos alcaldes franquistas Sergio Peñamaría de Llano, José Manuel Liaño Flores, Jaime Hervada Fernández- España e Demetrio Salorio Suárez. A modo de resumo da traxectoria destes alcaldes franquistas, sinalan dende a entidade, cabería destacar do primeiro que ademais de que foron varios os asasinatos baixo o seu mando, tivo un papel fundamental en que a Casa Cornide pasase ás mans da familia Franco. De José Manuel Liaño Flores, ironizan, foi meritorio por deixar as arcas municipais en bancarrota así como os abundantes escándalos urbanísticos.
E sobre Jaime Hervada Fernández- España, afirman, foi importante o seu papel na represión durante toda a ditadura. Dende a Comisión Recuperación Memoria histórica A Coruña lembran a responsablidade de Demetrio Salorio no "agasallo" ao ditador do Pazo de Meirás, así como na remodelación do 'Relleno' durante o seu mandato finalmente paralizada pola oposición veciñal.
CONTRA EÓLICOS: ROTEIRO POLO COTO DA LAGOA
Con motivo dos proxectos eólicos existentes para os concellos de Ferrol e Narón, o vindeiro domingo, día 3, realizarase un ruta polo Couto da Lagoa. Durante o percorrido ensinaranse os lugares onde están previstos que se instalen os aeroxeneradores do Parque Monte Ventoso.
Esta ruta, indican dende a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, ten como finalidade amosar os valores paisaxísticos, naturais e patrimoniais do lugar, agora ameazados polo proxecto do Parque Monte Ventoso. A ruta partirá dende o local da A.VV. De Marmancón (Papoi) ás dez da mañá. O conxunto de entidades que están a traballar contra o boom eólico en Ferrol e Narón convidan a participar nesta actividade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.