Os médicos coruñeses recoñecen a traxectoria de Marisa Crespo, referencia mundial en cardioloxía

Máis de 600 facultativos participaron este sábado en Santiago no Encontro Médico.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2021 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

A traxectoria da cardióloga Marisa Crespo Leiro, referencia mundial no ámbito da insuficiencia cardíaca e o transplante de corazón, foi recoñecida este sábado polos médicos coruñeses durante a celebración do encontro do Colexio Médico da provincia da Coruña.

Unha cita que tivo lugar este sábado no Palacio de Congresos de Santiago e que contou coa asistencia de distintas personalidades, entre elas o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Ademais da entrega dos títulos de colexiados honoríficos aos facultativos xubilados nos dous últimos anos e os de honra aos máis veteranos, o colexio concedeu a máxima distinción da institución á doutora Crespo Leiro, xefa de sección de Insuficiencia Cardíaca no CHUAC.

O colexio destaca da facultativa o seu compromiso coa sanidade pública, así como o seu labor profesional, na que "dedica a súa vida aos pacientes e á cardioloxía".

MÁIS DE 600 ASISTENTES

O encontro, ao que asistiron máis de 600 médicos e as súas familias, comezou cunha misa ás 10,00 horas, na igrexa de San Francisco en recordo dos colexiados falecidos nos dous últimos anos e que presidiu o arcebispo de Santiago, Julián Barrio.

Ao seu termo, tivo lugar o acto central da xornada no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, onde se repasou a actividade dun ano marcado pola pandemia que, segundo destacou o presidente do Colexio, Luciano Vidal, puxo de manifesto "o nivel de compromiso dos médicos".

"A nosa é unha profesión á que se chega por vocación, e cuxo valor máis importante consiste en antepor os intereses dos enfermos aos nosos propios. Por tentar axudar aos pacientes, moitos compañeiros contaxiáronse, e 118 deron a súa vida", sentenciou Vidal.

Encontro do Colexio Médico da Coruña. COLEXIO MÉDICO DA CORUÑA
Encontro do Colexio Médico da Coruña. COLEXIO MÉDICO DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta