Lugilde reta, narra e supera á depresión, esa "vella compañeira" de Beiras

A presentación do libro 'A vella compañeira' (Península) na súa edición en galega ('A vella compañeira', Luzes-2021), de Anxo Lugilde (Lugo, 1970), reuniu no Casino de Santiago a amigos, compañeiros de profesión e políticos para arroupar ao autor que estivo acompañado do histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen proclamou a súa saída do "ostracismo" da depresión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2021 | Actualizada ás 23:05

Comparte esta noticia

"Anxo (Lugilde) non só tivo a coraxe de saír do armario, saíu do ostracismo e xógase o tipo con este libro unha vez máis", proclamou Xosé Manuel Beiras na presentación do libro na capital compostelá, que deixou tamén unha 'foto' política coa líder do BNG, Ana Pontón, o propio histórico dirixente e o actual líder de Anova, Antón Sánchez.

Beiras describiu esta obra como "unha autobiografía que non pretende ser biografía". Lugilde, precisamente, tomou o "copyright" da expresión 'a vella compañeira' de Beiras, a quen lle leu esta expresión en 2012.

Para o autor do libro, é a definición do "amigo plasta que non soportas, perségueche e téntache amolar". "A auténtica vella compañeira non é a depresión, é a morte, o que pasa é que depresión ten a mensaxe de que a morte está aí", contestoulle o dirixente nacionalista, en conversación con Lugilde.

Beiras destacou a "coraxe extraordinaria, de humor, retranca e sarcasmo" coa que escribiu a obra, que cualificou de inédita na súa forma. Palabra ademais, a de "coraxe", que se repetiu durante o coloquio posterior e no que tamén coincidiu a súa amiga, xornalista e condutora do acto, Celtia Travesas.

O dirixente nacionalista destacou que Lugilde escollese como "metáfora" para ir sinalando as "etapas" da súa viaxe á II Guerra Mundial. "É unha maneira de sarcasmo, ir comparando episodios seus con puntos cruciais", destacou.

UN MANICOMIO

Lugilde, que actualmente traballa en La Vanguardia, lembrou que desde os 19 anos padece episodios depresivos, unha "enfermidade da alma" que acaba por "quitarche as ganas de vivir". "Afortunadamente estou aquí, Xosé Manuel tamén e todos vós", celebrou.

Iso si, nunha presentación na que se fixo fincapé na necesidade de visibilizar a enfermidade, Lugilde advertiu do "feito de esconder a depresión, que é unha enfermidade de maiorías moito menos coñecida que as raras". "A xente sabe moi pouco de depresión", sinalou.

Beiras foi máis aló para advertir de que España se converteu "socialmente nun manicomino", que está "dirixido por sátrapas, sádicos e desalmados". "E iso é terrorífico, porque a consecuencia é un manicomio, que interna a todos os cidadáns, non aos que están diagnosticados por algunha doenza de tolemia".

O dirixente nacionalista sinalou, a continuación, que desta maneira acábanse "procreando pandemias ou pestes bastantes peores que as do covid". "E téñolles moito máis medo e agora que vou vello e síntome tan vello para facer cousas, máis que á covid", aseverou Beiras, quen avisou de que é a "sociedade a responsable máxima" desas doenzas e, en lugar diso, "culpabiliza á vítima e atribúelle a culpa da súa doenza".

A obra, tamén editada en catalán (Columna Edicións), é un libro que busca loitar contra o estigma da depresión, presentado como unha novela de viaxes. "En realidade é unha vergoña, que vos convido a comprar e ler, despois de 30 anos", sentenciou ao peche da presentación en referencia ao tempo transcorrido.

Presentación de 'A vella compañeira' (Luzes) no Casino de Santiago na rúa do Vilar. Anxo Lugilde xunto a Xosé Manuel Beiras e Celtia Travesas
Presentación de 'A vella compañeira' (Luzes) no Casino de Santiago na rúa do Vilar. Anxo Lugilde xunto a Xosé Manuel Beiras e Celtia Travesas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Agora que está de moda mostrarse tal cual teremos unha chea de depresivos saíndo do armario e sobre todo xogando a exorzizar unha enfermidade mental que hai moitos anos debera contar con "solución" farmacolóxica realmente eficaz e non converter en crónicos a tódolos que a padecen dende hai 30 anos ! Algo debe ter esto de interesante dende o punto de vista do Capital para manterse no tempo e ir cada vez á máis... (da depresión falamos) : https://www.lavanguardia.com/vida/2...