“Kotodama”, o proxecto de crear unha escola de teatro no rural galego

Santiago Cañaveral, actor e mestre de teatro, impulsa dende hai tres anos un curso de interpretación en Verín en colaboración coa área de Cultura do concello. O seu soño é transformar este curso nunha escola de teatro profesional nun futuro inmediato.

Por X.M. Fernández | Verín | 24/10/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Santiago Cañaveral naceu no Barco de Valdeorras pero de ben pequeno fixou xa a súa residencia habitual en Verín, concello onde empezou a desenvolver as súas inquedanzas e habilidades creativas. 

Santiago Cañaveral. Foto: Prensa Concello de Verín
Santiago Cañaveral. Foto: Prensa Concello de Verín

Hai 3 anos, este actor verinés acababa de diplomarse en Interpretación e Dirección de Escena pero non atopaba o seu sitio no complexo mundo da interpretación. Diante deste panorama incerto decidiu tomar o seu propio camiño e probou sorte coa docencia.

Así nace o primeiro curso de interpretación teatral en Verín que xa leva 3 anos activo, con cada vez máis alumnado e máis repercusión. A pandemia non conseguiu frear estas xornadas formativas, que se adaptaron a nova normalidade ensinando as escenas dos seus alumnos e alumnas a través das redes sociais, así como realizando actuacións presenciais no propio Auditorio Municipal de Verín.

UN PASO MÁIS CARA UNHA FUTURA ESCOLA DE TEATRO

Vendo como medraba o interese polo mundo da interpretación en Verín, Santi Cañaveral deuse conta da positividade e da gran oportunidade que isto significa tanto para el, como para seu alumnado e o seu pobo. Con esta motivación decidiu crear o seu grupo de teatro propio baixo o nome “Kotodama”, coa intención de transformalo, nun futuro inmediato, na que será a primeira escola de teatro profesional do rural galego.

Santi Cañaveral con alumn@s. Foto: Prensa Concello de Verín
Santi Cañaveral con alumn@s. Foto: Prensa Concello de Verín

Kotodama é un proverbio xaponés que significa: espírito da linguaxe ou palabra da alma. Tanto a improvisación, coma a dirección ou a linguaxe corporal son teimas fundamentais nas clases de Santi Cañaveral, que resultan na deconstrución persoal de cada un dos seus alumnos e alumnas.

Un grupo de teatro e un soño, a primeira escola de teatro profesional do rural galego

COMEZO DAS CLASES E FUTURAS MONTAXES

O grupo de teatro “Kotodama” continuará coas súas clases no Pavillón Municipal de Verín e con máis espectáculos e exercicios neste ano “post-pandemia”. Os interesados e as interesadas poden inscribirse no curso de teatro chamando ao teléfono 600 234 318.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta