O PP dáse case 20 anos de marxe para reducir os eucaliptos nun 5%

Entra en vigor a revisión do plan forestal. Contará cun investimento de 4.900 millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns o decreto polo que se aproba a primeira revisión do plan forestal, que prevé unha redución do 5% das masas de eucalipto en 2040. En febreiro deste ano, o PPdeG quedou só no Parlamento na aprobación da revisión deste plan forestal, despois de non aceptar ningunha das propostas de resolución presentadas pola oposición, que demandaba a retirada do texto para refacelo de novo.

A finais de setembro, o Goberno galego deu luz verde a este novo plan forestal 2021-2040, que agora entra en vigor e que contará cun investimento de 4.900 millóns de euros.

O plan forestal de 1992, que agora se revisa, prevía que en 2030 habería en Galicia unhas 245.000 hectáreas de eucaliptos. Unha cifra moi excedida xa na actualidade --eran máis de 420.000 hectáreas no inventario de 2018--. Previa a esta aprobación, este ano entrou en vigor a lei de recuperación de terra que inclúe a suspensión de novas plantacións de eucalipto ata 2025.

AUMENTO DE FRONDOSAS

O 97% da superficie forestal galega é de carácter privado, con 1,4 millóns de hectáreas pertencentes a particulares e máis de 660.000 hectáreas de comunidades de montes veciñais. Hai máis de 450.000 propietarios particulares e 3.072 comunidades de montes.

O plan forestal ata 2040 ten seis eixos que contan con 51 medidas. Prevé un investimento de 4.900 millóns de euros ata o ano 2040 --uns 4.000 millóns deles son públicos--. Así, fíxase como obxectivo alcanzar as 425.000 hectáreas ocupadas por frondosas autóctonas.

O plan da Xunta é eliminar en 2040 o 5% das máis de 420.000 hectáreas de eucaliptos actuais, de forma que 20.000 delas pasen a ser masas doutras árbores. Entre outras metas, márcase que 850.000 hectáreas estean baixo instrumentos de ordenación e xestión, cunhas 650.000 hectáreas que contarán con certificación forestal.

Arquivo - Aspecto dunha leira tallada de piñeiro entre dúas grandes masas de eucalipto en Candaido, A Fonsagrada, a 22 de abril de 2021, en Lugo, Galicia (España). A moratoria para a plantación de eucalipto entrará en vigor en maio, para acelerar estase pr. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Aspecto dunha leira tallada de piñeiro entre dúas grandes masas de eucalipto en Candaido, A Fonsagrada, a 22 de abril de 2021, en Lugo, Galicia (España). A moratoria para a plantación de eucalipto entrará en vigor en maio, para acelerar estase pr. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta