Traballos no xacemento romano de Río Caldo sacan á luz novas estancias e numerosos restos de cerámica

Por E.P. | OURENSE | 29/10/2021 | Actualizada ás 10:23

Comparte esta noticia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse á Baixa Limia para supervisar os traballos impulsados pola Xunta de Galicia no xacemento romano de Río Caldo, no concello ourensán de Lobios, onde saíron á luz novas estancias e numerosos restos de cerámica común romana, así como elementos de vidro e cravos de ferro.

Trátase do resultado duns traballos que se iniciaron fai preto de tres meses neste espazo vinculado á Vía Nova e que permitiron continuar profundando no coñecemento das estruturas e características deste xacemento.

Así, os arqueólogos implicados nesta intervención da Consellería de Cultura localizaron dúas novas estancias nun espazo adxacente á área de cociña da mansión nas que se recolleu unha gran cantidade de cerámica, así como outros elementos.

Ademais, no espazo exterior do edificio principal tamén se documentou unha nova construción destinada a cociña con cheminea e dous niveis de ocupación.

Entre os elementos atopados destacan unhas moedas romanas que permiten evidenciar que o xacemento de Río Caldo estivo ocupado desde o século II despois de Cristo ata ben avanzado o século IV. Así mesmo, no proceso dos traballos tamén se constatou que existen no espazo dúas fases de ocupación ao detectar estruturas máis antigas cortadas por novos muros.

Visita ao xacemento romano de Río Caldo, na Baixa Limia
Visita ao xacemento romano de Río Caldo, na Baixa Limia | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta