Os albergues poderán funcionar ao 100% da súa capacidade pero deberán esixir o certificado covid

No caso de manterse ao 50 por cento, non será necesaria a exhibición do certificado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2021 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

Os albergues poderán funcionar ao 100 por cento da súa capacidade, pero deberán esixir o certificado covid-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica. Con esta medida, esténdese tamén a xeneralización do máximo de aforamento para este ámbito, que quedou no 75 por cento unha semana máis fronte ao resto de actividades.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de autorizar a ampliación da ocupación neste tipo de aloxamento compartido. No caso de manterse ao 50 por cento, non será necesaria a exhibición do certificado, así como tampouco para aquelas persoas que acrediten que realicen o Camiño de Santiago nun mesmo grupo burbulla. A medida estará vixente desde as 00.00 horas do día seguinte á publicación do DOG, que tiña que revisarse como máximo antes deste sábado, cando vencía a anterior autorización, e permanecerá vixente ata as 00.00 horas do 20 de novembro.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG indica no auto que o informe achegado pola Xunta conclúe que, aínda que os indicadores epidemiolóxicos "van mellorando en Galicia", segue existindo circulación do virus e, por tanto, risco de transmisión, "con aínda incidencias significativas en grupos de idade que poden ser usuarios deste tipo de establecementos".

"En consecuencia, continuamos nunha situación epidemiolóxica, á vista do contido do informe, que determina un risco de transmisión do virus apreciable ata o punto de facerse necesaria a regulación de determinadas actividades para que o seu exercicio sexa compatible coa contención da súa expansión", explica o tribunal na resolución, na que sinala que a medida afecta a un tipo de establecementos nos que comparten cuarto para durmir "persoas sen relación entre si e que poden proceder de diferentes lugares e países".

Albergue de Portomarín na reapertura da metade dos albergues de peregrinos públicos. CARLOS CASTRO/EUROPA PRESS / Europa Press
Albergue de Portomarín na reapertura da metade dos albergues de peregrinos públicos. CARLOS CASTRO/EUROPA PRESS / Europa Press


ACREDITADA A EFICACIA

Os maxistrados subliñan que resulta acreditada a eficacia que a vacinación ten para evitar o risco de transmisión en ambientes como os albergues turísticos. Ademais, consideran que o pleno funcionamento da actividade neste tipo de aloxamentos "debe ter como necesario contrapeso, en termos de risco epidemiolóxico, a existencia de barreiras eficaces, por máis que estas non sexan absolutas".

O alto tribunal incide en que a medida só se aplica para o acceso "a determinadas instalacións onde ten lugar unha actividade de alto risco" e que existe unha tripla alternativa --certificado de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa-- para acreditar "unha situación propia de risco baixo de transmisión e contaxio".

Sostén, ademais, que se impón "a simple exhibición da documentación, sen recollida de datos, de forma non invasiva nin degradante". Por todo iso, autoriza á Xunta implementar a medida, que considera "proporcionada", xa que entende que supón unha "restrición en grao mínimo de dereitos fundamentais", fronte "á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta