Inmaculada López Silva gañadora do XXXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2021

A gañadora deste certame é autora de obras destacadas como: “Concubinas”, “Memoria de cidades sen luz”, “Aqueles días en que eramos malas” e “O libro da filla”.

Por Galicia Confidencial | Dodro | 06/11/2021 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

Inmaculada López Silva, escritora, crítica teatral, doutora en Filoloxía e actual docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, resultou gañadora coa súa obra “Clepsidras” do XXXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2021, que convoca o Concello de Dodro.

Inma López Silva. LUMEN - Arquivo
Inma López Silva. LUMEN - Arquivo

Así o decidiu por maioría o xurado, logo de valorar os trinta e un poemarios participantes, salientando de Clepsidras a potencia das imaxes que van artellando un discurso arredor da xenealoxía feminina, ao patente reflexo das violencias cotiás, así como a exploración que fai da lingua e das formas do dicir.

Ademais, a nivel formal consegue unha cadencia rítmica altamente suxestiva que coloca o texto
nunha predisposición performativa. A gañadora deste certame é autora de obras destacadas como: “Concubinas”, “Memoria de cidades sen luz”, “Aqueles días en que eramos malas” e
“O libro da filla”.

O Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón está dotado con 2.500 euros e supón ademais a publicación do poemario. Nesta edición o certame está coordinado pola poeta Elvira Ribeiro Tobío e o xurado está composto por autoras como Rexina Rodríguez Vega, Silvia Penas Estévez, Oriana Méndez Fuentes e o poeta Francisco Valeiras Gónzalez, xunto cos concelleiros de Servizos Sociais e Cultura do Concello de Dodro.

Despois da elección da obra premiada tivo lugar unha homenaxe ao poeta, Eusebio Lorenzo Baleirón, no cemiterio de Xián de Laíño, onde está soterrado. O acto de entrega do premio será o sábado, 11 de decembro no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta