A Xunta déixase case 3,5 millóns nos centros concertados e privados para gastos pola covid

As subvencións irán á cobertura de horas extraordinarias entre o profesorado e gastos por material.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2021 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

A Administración autonómica concedeu subvencións a centros educativos privados e concertados por valor de case 3,5 millóns de euros para sufragar gastos asociados á pandemia durante este ano 2021 e o próximo 2022.

Este xoves, o Diario Oficial de Galicia publica a resolución da Consellería de Cultura, Educación e Universidades pola que se autoriza a repartición de 3.439.000 euros para que os centros privados e concertados fagan fronte ás horas extraordinarias do profesorado en secundaria e á compra de material para o cumprimento dos protocolos e as medidas sanitarias.A maior partida, cun total de 2,5 millóns de euros, lévanlla as axudas á adquisición de material hixiénico-sanitario para o período entre o 1 de setembro e o 31 de decembro.

Pola súa banda, os centros solicitantes repártense outros 938.000 euros para o incremento de horas adicionais do profesorado de secundaria obrigatoria durante este curso. En concreto, as axudas divídense nos 348.000 euros para este ano e os 592.000 que se abonarán en 2022.

Por provincias, A Coruña e Pontevedra levan case 3 millóns de euros do total das subvencións. Destacan os 192.000 euros que recibe o Fogar de Santa Margarida da Coruña, os 141.000 euros que van para o Andaina de Culleredo, os 126.000 euros da Compañía de María da cidade herculina ou os 117.000 euros que percibe o Cristo Rey, tamén na capital provincial.

En Pontevedra, as maiores subvecións son para dous centros de Vigo, O Pilar e a María Auxiliadora, que levan 104.000 e 100.000 euros en total, respectivamente. Os centros O Castro de Vigo e Santo Tomás do Porriño perciben 90.000 euros cada un.

Pola súa banda, os centros de Lugo repártense 253.000 euros, coa María Auxiliadora de Lugo á cabeza con 58.000 euros, e os de Ourense, 276.000 euros, dos cales máis de 100.000 van parar á María Auxiliadora e ao Santa Teresa de Jesús, ambos con 58.0000 euros.

Aula dun centro. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press
Aula dun centro. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta