Combater o odio á comunidade LGBTIQ+, percorrendo un camiño cheo de pedras

O odio ás persoas LGBTI estase visibilizando grazas ás redes sociais aínda que os emisores destas mensaxes sexan poucos. O medo a mostrar publicamente a orientación sexual está moi presente entre as persoas que queren vivir a súa sexualidade libremente. A pesar das leis que permiten o recoñecemento de matrimonios de persoas do mesmo sexo ou a lexislación sobre igualdade, o camiño para chegar a un estado de normalización é moi longo.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 14/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O asasinato de Samuel Luiz, as condenas dentro de Forzas e Corpos de seguridade do Estado contra a discriminación pola orientación sexual dunha persoa, a protección da liberdade sexual mediante leis sobre igualdade das persoas LGBTIQ+, todo isto e moito máis non abonda a día de hoxe para afondar na igualdade de dereitos entre persoas sexa cal sexa a súa elección afectivosexual. Seguen os discursos de odio, seguen os comportamentos lgbtifóbicos ante persoas consideradas “enfermas” por parte de elementos sociais intolerantes ante a liberdade de elección. Por iso é necesario coñecer se o comportamento social, a pesar das pedras no camiño, está permitindo á comunidade LGBTIQ+ vivir e gozar plenamente dos seus dereitos.

Mocidade sostén a bandeira LGBTI nunha manifestación, en imaxe de arquivo. Jorge Gil - Europa Press
Mocidade sostén a bandeira LGBTI nunha manifestación, en imaxe de arquivo. Jorge Gil - Europa Press

VISIBILIZACIÓN DAS AGRESIÓNS

A agresión non é só o ataque físico, tamén é o insulto, o rexeitamento, a discriminación en todos os eidos (laboral, escolar, deportivo, etc.) e agresión é difundir ideas e postulados cuestionando a integridade moral e física das persoas LGTBI. Esta difusión aumentou coa aparición das redes sociais (RRSS) e a capacidade de extender unha mensaxe en segundos para chegar a case todas as partes do mundo. Así, por exemplo, despois da elección de Donald Trump houbo aumento de agresións a persoas gays, lesbianas e trans nos EE.UU durante os primeiros meses da lexislatura.

A asociación Avante LGBT+, desde o Observatorio Coruñés contra a LGBTifobia, ten observado un aumento das denuncias por ataques lgtbifóbicos. “Isto sucede porque se está denunciando máis este tipo de agresións” di Xandre Garrido membro da asociación. “O discurso lgbtifóbico é máis intenso e as persoas que o invocan séntense impunes e validadas” sobre todo desde que forzas políticas como Vox entraron en institucións públicas.

“O discurso do odio fai moito ruído mais só representa unha parte moi minoritaria da sociedade” di Ana Fernández da asociación ALAS tamén da Coruña. “A raíz do asasinato de Samuel Luiz e a visibilización da violencia lgbtifóbica, algo minimamente positivo que sacamos é a solidariedade da maioría social cara o noso colectivo”.

A visibilización destas agresións e por tanto, a denuncia das mesmas, faise por haber textos legais en que apoiar as denuncias. “En Galicia temos a lei de 2014 para a igualdade de trato, mais realmente non ten a efectividade esperada nin tampouco se fai valer” denuncia Fernández.

EDUCACIÓN FRONTE A IDEOLOXÍA

Se xa en época democrática e coas liberdades constitucionais instauradas, a homofobia e os diferentes tipos de odio cara a diversidade sexual, seguía existindo. Por que non se manifestaba da maneira que o fai hoxe?Había como un pacto de silencio, pensalo mais non dicilo, odiar por dentro mais desde fóra aparentar” cando menos indiferencia, explica Garrido.

Foi coa chegada de grupos como Vox ás institucións públicas, cando de novo as posturas anti-LGBTI se manifestaron cunha virulencia maior. “As redes sociais radicalizan as mensaxes e quen as envía por estas canles séntese impune” afirma de novo Garrido. Mesmo se volve a patoloxizar como enfermidade a elección sexual se non é heterosexual. E un camiño que parece estar tomando a sociedade actual de cara a “normalizar” a comunidade LGBTI é a réplica da familia “convencional” só que con dous cabezas de familia do mesmo sexo, como querendo asimilar estas familias “ao modelo socialmente imperante”.

“A educación en valores é fundamental porque falamos de dereitos humanos” contesta Ana Fernández. Educar en valores de tolerancia e igualdade é para os sectores máis refractarios “un adoutrinamento de nenos e nenas” por parte de gays e lesbianas. “Debemos seguir traballando no terreo educativo” insiste Fernández.  Garrido, non obstante, considera que dentro do campo da educación é onde menos se visibilizan profesoras e profesores LGBTI “por medo dos pais ao mito de seren profesores pedófilos”.

A insistencia na aplicación das leis xa aprobadas, algunhas hai case dúas décadas, parece ir facendo efecto moi amodo. “Nin sequera as FFCC de seguridade están suficientemente preparados para enfrontar este tipo de delitos” din desde Avante. Por tanto, o camiño para chegar a unha sociedade máis igualitaria ten un percorrido moi longo e con moitas pedras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta